O CONCELLO DE VILALBA ADQUIRE UN NOVO TRACTOR CON DESBROZADORA PARA POTENCIAR A LIMPEZA E ACONDICIONAMENTO DE VIAIS E CAMIÑOS NAS PARROQUIAS E ZONAS RURAIS
Vilalba, 10 de febreiro de 2021. O Concello de Vilalba recibiu na xornada de hoxe un novo vehículo para o parque móbil municipal, neste caso un tractor 4×4 con desbrozadora de brazo articulado.
O tractor, adquirido con fondos propios do remanente de tesourería, realizará diferentes tarefas de limpeza e acondicionamento de viais e camiños no rural de Vilalba, dando resposta ademais ás demandas veciñais.
O concello ten unha gran extensión, con numerosos camiños, pistas e estradas que comunican o territorio, sendo un dos municipios con maior dimensión xeográfica de España.
O novo tractor, valorado en 106.480 euros, servirá ademais para renovar o parque móbil do concello. É un vehículo cun brazo articulado de gran alcance, o que permitirá a limpeza e eliminación de residuos en zonas onde os traballos manuais son difíciles de levar a cabo.
O grupo de goberno de Vilalba dará continuidade co novo tractor aos desbroces e limpeza de camiños en todo o término municipal, coa finalidade de acondicionar os espazos de paso no rural.