NOVO PAVIMENTO E SINALIZACIÓN NO VIAL DE ACCESO Á IGREXA DE ÁRBOL

O CONCELLO DE VILALBA INFORMA DO COMEZO DAS OBRAS PARA A PAVIMENTACIÓN E SINALIZACIÓN DO VIAL QUE DA ACCESO Á IGREXA DA PARROQUIA DE ÁRBOL

Vilalba, 10 de marzo de 2021. O Concello de Vilalba informa á veciñanza que hoxe comezaron os traballos de mantemento, pavimentación e sinalización do vial de titularidade municipal 065_073, que dá acceso á igrexa da parroquia de Árbol dende a estrada LU-120. Esta actuación ten un orzamento de 50.000 euros.

En concreto, a vía parte dende a estrada de titularidade autonómica LU-120 (P.K. 9+200 aprox.) e discorre en dirección Sur-Norte a parroquia de Árbol, ata rematar na estrada de titularidade provincial LU-P-6504.

Trátase do percorrido natural dos veciños de varios núcleos de poboación da parroquia de Árbol en dirección ás principais vías de comunicación, á igrexa e cemiterio municipal e ao centro urbano de Vilalba.

Por outra banda, as explotacións gandeiras e agrícolas existentes xunto co paso de vehículos de transporte destinados á explotación madeireira dos terreos provocan que este vial soporte unha densidade de tráfico lixeiro e pesado moi intensa, provocando un forte desgaste no pavimento actual.

Resulta polo tanto urxente a actuación sobre o vial, posto que a falta de capas superficiais de pavimento provoca que a superficie non sexa impermeable, o que axiliza de maneira notable o seu deterioro e supón un risco para o tráfico de vehículos.

Para a mellora e mantemento de esta vía proponse a regularización da súa superficie e a execución dunha nova capa de firme de rodadura a base de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor. Tamén se procederá á súa sinalización horizontal e vertical.

“As obras servirán para mellorar o tráfico e a seguridade viaria, tanto dos vehículos como dos peóns”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.