Trátase dunha nova iniciativa do concello para gañar en espazos de lecer nos que as persoas sexan protagonistas.
O Concello de Vilalba xa ten listo o proxecto de humanización e acondicionamento da praza existente na intersección da rúa da Emigración e da rúa Luis González Valdesuso.
Trátase dunha nova iniciativa do concello para gañar en espazos de lecer nos que as persoas sexan protagonistas, humanizando a contorna urbana de Vilalba con actuacións que outorgan un maior protagonismo aos peóns.
O proxecto trata de uniformizar esta praza, onde actualmente os usos tan exclusivos de cada área (vía peonil diagonal, área axardiñada e beirarrúa) provocan a fragmentación da mesma e polo tanto impiden o desfrute da mesma polos cidadáns, que conciben a mesma como un sitio de circulación, case como unha rotonda ó redor dunha pequena área axardiñada.
A intervención será para instalar unha plataforma única e un pavimento de adoquines de formigón de pequenas dimensións, adaptándose de forma natural e progresiva ás pendentes que ten que asumir e resolver a praza.
No centro da praza, plantarase unha árbore da especie Tilo Común rodeada de vexetación. Nas áreas de acceso á praza dende as dúas beirarrúas, reserváronse dúas áreas axardiñadas para servir de filtro ás áreas de aparcamento. Nestas áreas plantarase vexetación tapizante tipo céspede con plantas ornamentais florais, alternando camelias de flor branca e vermella, azaleas e bambú.
“Na intervención da praza, pretendeuse recuperar parte do espacio que cedeu o peón ao coche na cidade, para así aumentar a área de esparcimento e disfrute dos cidadáns que a praza agora existente non ten”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.
Como mobiliario da praza, proxectouse un conxunto de bancos na contorna da árbore, bancos realizados de xeito artesanal, con redondos de aceiro liso e listóns de madeira, que dialogan co entorno natural inmediato da praza para, a modo de parladoiro á sombra do tilo, poder favorecer a ocupación e desfrute da praza.