Enquisas Plan de mobilidade: accesibilidade, protagonismo peonil e aparcadoiros

O Concello de Vilalba remata a enquisa do Plan de Mobilidade, na que a veciñanza demanda melloras na accesibilidade, protagonismo peonil e aparcadoiros na contorna

Vilalba, 15 de novembro de 2020. O Concello de Vilalba avanza no seu Estudo de Mobilidade e Espazo Público (EME) e xa ten os resultados da enquisa que realizou entre a veciñanza para coñecer as súas demadas e que medidas entenden como prioritarias.
 
Na enquisa, as veciñas e veciños piden sobre todo mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e maiores; a creación de novos aparcadoiros na contorna da vila, e mellorar e completar a rede peonil, as beirarrúas e os camiños.
 
O Plan de Mobilidade Urbana é unha ferramenta básica para a planificación e a posterior toma de decisións en torno á mobilidade no municipio pensada para favorecer o desenvolvemento rexenerativo das áreas habitadas. Permitirá ademais acceder aos fondos europeos de mobilidade sustentable.
 
Na enquisa, a veciñanza tamén inclúe entre as súas demandas cambios no transporte público, limitar a circulación polo centro de tráfico pesado, a peatonalización de determinadas rúas, carrís bicis e zonas 30 de velocidade reducida.
 
Ademais das enquisas, durante os meses de setembro e outubro realizáronse traballos de medición de fluxos rodados (IMDs) e peóns en sábados e días laborables, dimensionando o volume de vehículos así como as principais interferencias cos tránsitos peonís.
 
Alén disto, realizouse tamén un achegamento específico ás dinámicas de mobilidade xeradas polo conxunto de centros de ensino e equipamentos en torno a rúa Cuart de Poblet, que provocan algúns dos principais fluxos de tráfico ao longo do día.
 
Por último, o concello fixo entrevistas con axentes clave de cara a complementar a diagnose técnica, como paso previo á fase de proposta, que se iniciará no 2021.
 
O obxectivo desta iniciativa é atopar maneiras de mellorar a mobilidade no concello. Concretamente, céntrase en tres ideas: facer que o xeito de moverse a diario sexa máis sustentable (ecolóxica, social e economicamente); facer máis eficiente o sistema de desprazamentos no concello, e facilitar hábitos de mobilidade máis saudables, máis respectuosos co medio ambiente e que axuden a aforrar recursos.