CUBERTAS O 80 POR CENTO DAS PRAZAS DAS ESCOLAS DEPORTIVAS DO CONCELLO

Logo da publicación da listaxe provisional de admitidos quedaron adxudicadas 516 prazas en 14 modalidades diferentes

O Concello vén de facer pública a listaxe provisional de persoas admitidas nas escolas deportivas municipais, quedando o 80% das prazas cubertas no primeiro período de matrícula.

Das 14 modalidades ofertadas todas rexistraron matrículas, establecéndose lista de agarda, unicamente, nas modalidades de ioga e pilates. Nesa liña, en ioga foron admitidas 40 persoas, mentres que en pilates o alumnado ascende a 104 matrículas.

Pola súa banda, tamén se cubriron boa parte das prazas ofertadas nas 12 modalidades restantes: baloncesto, fútbol, fútbol sala, judo, loita olímpica, tenis, tenis de mesa, triatlón, ximnasia rítmica, rugbi, ximnasia de mantemento e patinaxe.

«É moi satisfactorio que as escolas deportivas municipais teñan tan boa acollida cada ano e que os veciños e veciñas se animen a participar en actividades beneficiosas para a súa saúde», sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

Así mesmo, a concelleira e directora da área de Deportes, Paula Vigo, explicou que «no mes de xaneiro abrirase un novo período de matrícula para todas aquelas persoas que non formalizaron a súa solicitude durante o mes de setembro pero que poidan estar interesadas en incorporarse a algunha das modalidades».

Ademais, dende o Concello amosan o seu agradecemento aos clubs deportivos da vila que colaboran coas escolas deportivas e imparten as actividades correspondentes ao alumnado das mesmas.