Trátase dunha actuación que conta cun orzamento de 26.600 euros e que se levará a cabo ao longo do día de hoxe e de mañá, mércores
O Concello vén de comezar no día de hoxe as obras de renovación do firme e de mellora da sinalización da avenida de Cospeito no tramo entre a rúa Abadín e a avenida da Terra Chá.
Trátase dunha actuación aprobada en pleno extraordinario que conta cun orzamento de 26.600 euros e que se levará a cabo ao longo do día de hoxe e de mañá, mércores, cando se prevé que as obras queden rematadas, de forma que causen as menores molestias posibles á veciñanza ao tratarse esta dunha das vías que na actualidade soporta gran parte do tráfico rodado.
Precisamente a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinalou a avenida de Cospeito como «unha das vías máis empregadas actualmente polos veciños e veciñas» de tal xeito que dende o goberno local «pretendemos que estes traballos axuden a mellorar o tráfico, a seguridade viaria e a corrixir as deficiencias actuais do estado do firme» apuntou Rouco.
Durante a xornada do martes os traballos de renovación serán compatibles co discorrer habitual do tráfico, non obstante, o mércores será preciso desviar a circulación para que os operarios poidan levar a cabo as obras de maneira oportuna.
Segundo está previsto será a rúa da Revolta a que canalice o tráfico rodado dende, aproximadamente, as 9.00 de mañá ata as 19.00 horas, momento no que concluirán as actuacións. O itinerario alternativo será a rúa da Revolta con saída obrigatoria á rúa Benxamín Paz para finalmente acceder á avenida da Terra Chá. Unha desviación provisional que impedirá o paso dos vehículos pesados durante a franxa concreta de realización das obras e a desviación do tráfico, de forma que o xoves se retomará o discorrer habitual das vías.