AS NOVAS PISCINAS EXTERIORES DA MADALENA SUPERARON OS 10.000 USUARIOS DURANTE A TEMPADA ESTIVAL

O goberno local compareceu na mañá de hoxe ante os medios para valorar o balance final da tempada na que se recadaron máis de 27.200 euros

A alcaldesa, Marta Rouco, informou hoxe en rolda de prensa dos datos de final da tempada das novas piscinas municipais exteriores da área recreativa da Madalena, inauguradas no pasado mes de xuño e que rexistraron máis de 10.000 usuarios e usuarias durante a época estival.

Nesa liña, a rexedora, Marta Rouco, valorou moi positivamente uns datos que reflicten «unha media diaria de máis de 100 persoas, que evidentemente se chegou a triplicar nos días de máis calor, nos que se superou o aforo e se tiveron que establecer colas de agarda para poder acceder ás piscinas».

En consecuencia, «as novas piscinas da Madalena deron como resultado un retorno económico que superou os 27.200 euros; é dicir, unha recadación media diaria de máis de 290 euros», afirmou Rouco, quen aproveitou a ocasión para «amosar o noso agradecemento pola boa acollida que tiveron as novas piscinas e por todos aqueles comentarios positivos que recibimos ao longo deste verán».

Así pois, a rexedora tamén fixo saber que o goberno local «é coñecedor das pequenas incidencias que puideron producirse ao longo da tempada e de todas aquelas suxestións que os veciños e veciñas nos foron facendo por diversas canles, as cales estudamos e nas que xa traballamos ao longo da tempada».

Pola súa banda, Marta Rouco estivo acompañada polo concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, quen, ademais de sumarse á valoración positiva feita pola rexedora, adiantou «está previsto ampliar o perímetro da infraestrutura e polo tanto sumar máis espazo verde e de sombra ás piscinas para que, á súa vez, se poida ampliar o aforo das instalacións en 40 ou 50 persoas».

Ademais, á rolda de prensa celebrada na Casa da Cultura tamén acudiu a concelleira de Deportes, Paula Vigo, quen reafirmou as palabras dos seus compañeiros e a valoración positiva das piscinas, á vez que explicou que tamén se están «analizando as esixencias e as necesidades que suporía levar a cabo algún tipo de actividade dirixida na auga, como por exemplo aquagym, para poder implantala nas horas de menor aforo e dinamizar deste xeito o espazo»

Finalmente a alcaldesa, Marta Rouco, reiterou o seu agradecemento «ao equipo de goberno, á anterior alcaldesa, Elba Veleiro, que foi clave para sacar este proxecto adiante, a todos os traballadores municipais e a todos os vilalbeses e vilalbesas que confiaron nesta nova infraestrutura e se animaron a visitala para gozar do verán na nosa vila».