AS CONCELLERÍAS DE EDUCACIÓN E SERVIZOS PORÁN EN MARCHA MEDIDAS PARA EVITAR OS ATASCOS NAS ZONAS ESCOLARES

A concelleira de Educación do Concello de Vilalba, Paula Vigo, recibiu nas últimas datas a varios pais e nais, que lle trasladaron o problema de atascos que hai nas zonas escolares nos horarios de entrada e saída aos centros.

En colaboración coa concellería de Servizos, Educación estuda a posta en marcha de diferentes medidas, como a creación dun carril só para os buses na zona escolar ou mover os colectores, deixando máis espazo para estacionar.

“Temos que idear alternativas para axilizar a entrada e a saída aos centros, axudando ás familias e á comunidade educativa”, explica Paula Vigo.

Ademais, o concelleiro de Servizos e Seguridade, Eduardo Vidal, responsable tamén da Policía Local, analiza cos axentes outras medidas e vaise poñer en marcha unha zona ‘Bica e Arrinca’. Esta iniciativa busca promover paradas seguras e evitar aglomeracións. A parada debe realizarse durante un tempo limitado e sen que os adultos baixen do coche para axilizar o tráfico.

Por outra parte, está previsto que a Policía Local coordine o tráfico na hora punta e explique os cambios as familias.