APROBADO POR UNANIMIDADE O PROXECTO PARA A INSTALACIÓN DUNHA NOVA ÁREA DE AUTOCARAVANAS NA ÁREA RECREATIVA DA MADALENA

O cambio de localización, co que se pretende “incentivar este tipo de turismo e apostar polo atractivo paisaxístico da nosa vila”, permitirá pasar de 2 a 7 prazas para estacionamento de autocaravanas

O pleno do Concello aproba por unanimidade o proxecto de cambio de localización e instalación dunha nova área de servizo para autocaravanas na área de recreativa da Madalena, proposto pola Concellería de Infraestruturas Urbanas.

Desta forma, segue adiante a intención do goberno municipal de “incentivar o turismo de autocaravanas e apostar polo atractivo turístico da nosa vila”, pois a nova localización na área recreativa da Madalena ofrecerá unha contorna natural única e “moi acaída para este tipo de turismo”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

A nova área de servizo para autocaravanas permitirá que Vilalba conte con 5 prazas máis para estacionamento deste tipo de vehículos, pasando das 2 prazas actuais do campo da feira ás 7 que contempla o proxecto da nova localización nunha das marxes do aparcadoiro da piscina municipal climatiza.

Ademais, tamén se mellorará notablemente a dotación de servizos e a adecuación do aparcadoiro ás necesidades dos viaxeiros en autocaravanas. En concreto, instalarase unha plataforma e sumidoiro para augas grises, unha arqueta de baleirado de WC náutico, un sumidoiro para augas negras, un grifo para limpeza e outro para auga potable, un borne eléctrico con diversas tomas de corrente, papeleiras, e catro colectores para a correcta separación e reciclaxe dos residuos.

Nas vindeiras datas “teremos que aprobar un regulamento esta área de autocaravanas no que se aclaren as condicións de uso, entre elas, o tempo que se vai a poder estar estacionado” adiantou a alcaldesa, Marta Rouco na sesión plenaria ordinaria celebrada na tarde de onte.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, explicou que “as actuacións contan cun orzamento estimado de 34.707 euros con cargo ás arcas municipais e, ademais de responder a un criterio de mellora e ampliación do servizo, dan resposta a unha demanda feita pola Asociación Galega de Autocaravanas”.

Nesa liña, a alcaldesa, Marta Rouco, manterá nos vindeiros meses unha nova reunión coa presidenta da Asociación Galega de Autocaravanas “para explicarlles todos os detalles do proxecto e poder abordar a posibilidade de inaugurar a nova área de autocaravanas cunha concentración destes vehículos na nosa vila”, concluíu a rexedora.