APROBADO O PROXECTO DE REXENERACIÓN DA ESTRADA QUE UNE OS LUGARES DE VILATE E RIBADO NA PARROQUIA DE LANZÓS

As actuacións que levará a cabo a Deputación Provincial de Lugo terán un prazo de execución de 2 meses dende o seu comezo e contarán cun investimento de 68.603,03€

A alcaldesa, Marta Rouco, visitou na mañá de hoxe a estrada provincial LU-P-6508 que une os lugares de Vilate e Ribado, na parroquia de Lanzós, e cuxo proxecto de rexeneración vén de ser aprobado pola Deputación Provincial de Lugo, responsable das actuacións.

Os traballos, cun investimento de 68.603,03 euros, terán un prazo de execución de 2 meses dende o seu comezo e centraranse no tramo comprendido entre os quilómetros  2 e 4,861, no que se realizará a reapertura de cunetas, o saneo da explanada, a reparación de desperfectos e a repavimentación do firme.

“Un tramo que discorre polo barrio de Ramil, na parroquia de Lanzós, no que hai un importante número de vivendas e, polo tanto, estamos a falar dunha estrada que dá servizo a moitos veciños e veciñas” salientou a alcaldesa, Marta Rouco, ao tempo que engadiu que “as actuacións centraranse no tramo máis deteriorado, dende o quilómetro 2 ata o remate da estrada, no cruce coa LU-P-6503 que une Lanzós con Vilapedre”.

Así pois, a rexedora aproveitou para “agradecer o compromiso da Deputación Provincial de Lugo co noso municipio e a constante inversión que se está levando a cabo por parte do ente provincial en Vilalba”.

Nesa liña, tamén veñen de adxudicarse as obras de rehabilitación da estrada provincial LU-P-0106 que une o concello de Abadín co de Vilalba e que discorre polo barrio de Martiñán, na parroquia de Corvelle.

Un proxecto, que contará cun orzamento de 193.532€ e que mellorará dous treitos da vía: os primeiros 700 metros da estrada e o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 2,920 e 6,043.