A VIXÉSIMO NOVENA EDICIÓN DA FESTA DO QUEIXO SAN SIMÓN DA COSTA E A IX RUTA BTT TERRA CHÁ CONSOLÍDANSE COMO UN GRAN ÉXITO

A Praza da Constitución acolleu a centos de visitantes que se achegaron a gozar de dúas xornadas de posta en valor do afumado vilalbés e máis de 250 deportistas participaron na proba ciclista que discorreu por paisaxes naturais únicas

O Concello fai un balance “moi positivo” da vixésimo novena edición da Festa do queixo San Simón da Costa e a IX Ruta BTT Terra Chá do queixo San Simón, celebradas na capital chairega esta fin de semana e que se consolidaron como un gran éxito.

A Praza da Constitución acolleu a centos de visitantes que se achegaron a gozar de dúas xornadas de posta en valor e exaltación dun dos produtos máis emblemáticos da capital chairega. “Estamos moi satisfeitos coa boa acollida do público, é un verdadeiro orgullo que cada vez coñeza máis xente a nosa festa do queixo e se animen a pasar a fin de semana na nosa vila”, afirmou a alcaldesa, Marta Rouco.

Unha fin de semana que estivo marcada por unha ampla e variada programación para todos os públicos e idades. Logo da apertura da feira, o sábado ás 11 horas, deron comezo as catas interactivas promovidas pola Ruta Europea do Queixo e a cata comentada por Salomé Beiroa, na que participaron preto de 200 persoas que tamén degustaron a tarta de queixo San Simón de Eduardo Balsa.

Pola súa banda, tamén a Ruta BTT Terra Chá do queixo San Simón da Costa contou cun gran número de participantes, situándose o número total de inscritos por riba dos 250 deportistas. “A combinación entre deporte e gastronomía é un gran atractivo para a nosa vila esta fin de semana, pois desta forma os participantes, ademais de descubrir o noso fermoso paisaxe natural, teñen á súa man un dos nosos grandes tesouros gastronómicos, o noso queixo San Simón”, asegurou a rexedora, Marta Rouco.

Ademais, a xornada do sábado tamén contou con animación musical a cargo da Banda A.C. de Andrade, un taller de cociña infantil con queixo San Simón no que participaron unha vintena de nenos e nenas e o pregón do humorista Carlos Blanco, quen co seu humor e carisma destacou a tradición e a popularidade do queixo San Simón.  

Finalmente, a primeira xornada da festa rematou cos concertos de De Ninghures e Fillas de Cassandra na Praza de Santa María aos que seguiu a actuación de Eventec Discoteca Móbil. “Foi un gran éxito e un verdadeiro pracer ver a Praza de Santa María ateigada de persoas para gozar dos concertos e festexar o noso queixo San Simón” valorou a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo.

A xornada do domingo, como vén sendo habitual, rexistrou a maior afluencia de público, ao coincidir, ademais, a Festa do queixo San Simón coa tradicional feira mensual. “Coma sempre o domingo foi un cheo absoluto, a carpa estivo repleta de visitantes dende primeira hora da mañá e a nosa satisfacción é absoluta”, salientou a rexedora, Marta Rouco.  

Ademais, Rouco quixo trasladar o seu “agradecemento a todas as persoas que pasaron pola nosa vila esta fin de semana e que foron chave para que hoxe poidamos falar deste éxito. Así como tamén a todas as persoas implicadas na organización da feira e da ruta BTT, sen esquecernos por suposto dos vendedores e vendedoras que fixeron posible que, un ano máis, Vilalba fora protagonista no calendario galego de festexos”.