O ambiente chegou cedo á Praza e consolidouse a media mañá, cando se fixo a entrega de premios na que resultaron gañadores cinco criadores diferentes
A actividade na Praza da Constitución comezou hoxe a primeira hora da mañá coa vista posta nunha das xornadas máis importantes do calendario vilalbés: a Feira do Capón, que consolidou o seu éxito e rexistrou máis dun milleiro de visitantes.
Ás 10 da mañá a carpa na que se atopaban os 39 criadores e criadoras de capón abría as súas portas e comezaban a rexistrarse as primeiras vendas. Os máis madrugadores non quedaron sen o seu agardado capón. Nesta edición, había censados para a feira máis de 1.120 exemplares, dos que ás dúas da mediodía, só quedaban as cestas de vimbio nas que viñan preparados.
“O ambiente chegou cedo á Praza da Constitución, dende primeira hora a feira estivo moi animada e a media mañá fixemos entrega dos tradicionais premios da man de María Lamela” explicou a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, quen este ano introduciu como novidade a animación musical da cita, a cargo de Brassica Rapa.
Resultaron premiados cos prestixiosos galardóns da Feira do Capón: Oliva Souto, polo maior número de exemplares traídos á feira; María Carmen Barro, mellor criadora; Oliva Souto, mellor par de capón; e María José Castro, mellor cesta. Aos que se sumaron o premio especial para novos criadores outorgado a Graduín Lamelas SC de Goiriz, Cristina Montouto de Lanzós e María José Castro de Oleiros.
Ademais da xornalista vilalbesa, María Lamela, tamén estiveron presentes no acto de entrega de premios o deputado provincial Carlos López, alcalde de A Fonsagrada; a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias e representantes de todos os partidos presentes na corporación municipal, entre outras autoridades.
A alcaldesa, Marta Rouco, aproveitou a súa intervención para poñer en valor a singularidade do capón, que “leva o nome de Vilalba polo mundo, grazas ao traballo e á tradición dos nosos criadores e criadoras, e iso merece un gran recoñecemento”.
Ademais, agradeceu o galardón que o Consello Provincial de Turismo lle outorgou á Feira do Capón recentemente e sobre a declaración da mesma como Festa de Interese Turístico de Galicia asegurou que “no Concello levamos xa varias semanas traballando na preparación dun informe para presentar unha nova solicitude e agardamos, de corazón, que nesta ocasión se nos conceda”.
Á nota musical sumáronse outros atractivos imprescindibles para incrementar o ambiente da feira: postos de produtores locais de Vilalba e da comarca da Terra Chá, un fotomatón para levar un recordo da feira e unha foodtruck na que se repartiron máis de 300 racións gratuítas con distintas preparacións do noso capón.