A CORPORACIÓN APROBA A ADHESIÓN AO PACTO DAS ALCALDÍAS POLO CLIMA

VILALBA ADHÍRESE AO PACTO EUROPEO DAS ALCALDÍAS PARA O CLIMA E A ENERXÍA CO OBXECTIVO DE REDUCIR AS EMISIÓNS DE CO2 E AUMENTAR O USO DE ENERXÍAS RENOVABLES

Vilalba, 9 de marzo de 2021. O Concello de Vilalba aprobou hoxe en pleno por unanimidade a súa adhesión ao Pacto Europeo das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, unha iniciativa internacional que ten como obxectivo reducir as emisións de CO2, aumentar o uso de enerxías renovables e baixar o consumo enerxético.

A través desta proposta do grupo de goberno, o Concello comprométese a realizar un plan de acción para a enerxía sostenible e o clima. Para a súa elaboración, o concello elaborará previamente un inventario de emisións municipal co obxectivo de obter un diagnóstico de referencia das emisións de GEI (Gases de Efecto Invernadoiro) resultantes do consumo de enerxía, ademais de avaliar os riscos e vulnerabilidades municipais ante o cambio climático. 

Segundo o compromiso de adhesión ao pacto, o concello elaborará un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES) nun prazo máximo de dous anos e reducirá nun 40% as emisións de efecto invernadeiro no 2030.

“Facemos propios os obxectivos da UE e con esta adhesión á iniciativa europea colocamos a Vilalba no mapa europeo de loita contra o cambio climático, e con elo abrimos as portas a mellores oportunidades financeiras para os proxectos locais en materia de clima e enerxía”, explica Rodrigo Pavón, tenente de alcalde do concello. 

O Pacto Europeo das Alcaldías para o Clima e a Enerxía é unha iniciativa europea que nace no 2008, á cal se suman voluntariamente gobernos locais e rexionais, adquirindo mediante a súa adhesión ao pacto uns compromisos en materia de clima e enerxía comúns a toda a UE para aplicalos ao seu territorio.

Actualmente, inclúe más de 7.000 autoridades locais e rexionais de 57 países. Os asinantes do Pacto comparten unha visión común para 2050: acelerar a descarbonización dos seus territorios, fortalecer a súa capacidade para adaptarse aos impactos ineludibles do cambio climático e conseguir que os seus cidadáns e cidadás teñan acceso a unha enerxía segura, sostible e accesible.

“As institucións máis próximas á cidadanía deben comprometerse con accións que tendan a loitar contra o cambio climático e a utilizar todos os medios para conseguir utilizar enerxías verdes, abríndose novas oportunidades para promover o desenvolvemento local sustentable”, remata Pavón.