A CONCELLERÍA DE INFANCIA E XUVENTUDE PRESENTA CATRO NOVAS ACTUACIÓNS NO CASCO URBANO VILALBÉS

Os espectáculos, que incluirán música, teatro e narración oral, comezarán o vindeiro 13 de setembro e estarán dirixidos ao público familiar

A concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentou hoxe xunto á alcaldesa, Marta Rouco, unha nova programación de actuacións e espectáculos dirixidos ao público familiar e encadrados no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN).

A primeira cita, Expedición las Nadies, celebrarase o vindeiro venres, 13 de setembro, ofrecida pola compañía Hipnótica Circo Teatro no Auditorio Municipal. Un espectáculo que comezará ás 19:30 e cuxa entrada será totalmente de balde, podendo conseguilas a través da páxina web www.entradasvilalba.es.

Durante o espectáculo, a compañía de teatro asturiana, Hipónitca Circo Teatro, ofrecerá unha obra na que misturará maxia, marionetas, malabares e música en directo, co obxectivo de xerar novos referentes na sociedade visibilizando ás mulleres.

«É unha obra moi interesante e entretida para o público familiar, pois convina elementos divertidos e lúdicos cunha aprendizaxe moi importante, tal como é a posta en valor do traballo silenciado de moitas mulleres», explicou a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo.

No mes de outubro, o xoves 31, o programa Dinamiz-ARTj volverá promover outro espectáculo que tamén se celebrará ás 19:30 no Auditorio Municipal, e cuxo acceso será totalmente gratuíto, podendo facerse coas entradas polo mesmo medio, no portal web www.entradasvilalba.es.

Nesta segunda actuación os protagonistas serán Pakolas e Laura Romero co seu espectáculo en galego «Ramona Órbita. Cores, contos e rock», no que contan a historia de Ramona Órbita, unha muller agricultora de Serra do Courel, que ten un ciberhorto con patacas automáticas, e tamén unha máquina do tempo, o seu mellor invento.

Pola súa banda, a terceira cita coincidirá coa celebración da Feira do Capón, o vindeiro sábado 21 de decembro, sendo a charanga de mulleres Brassica Rapa a que poñerá a nota musical á festividade coa súa actuación na Praza da Constitución a partir das 12:30. «É un grupo que ofrecen un espectáculo moi variado no que mesturan música instrumental e vogal con multipercusión, interpretando unha gran variedade de estilos musicais» explicou a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo.

Finalmente, a última actuación do programa Dinamiz-ARTj chegará xa no vindeiro ano, sendo o sábado 15 de febreiro cando Pablísimo ofreza o seu espectáculo «Cabicivai» no Auditorio Municipal de Vilalba a partir das 19:30. Unha cita para a cal as entradas tamén se poderán conseguir no portal de compra de entradas do Concello, de forma gratuíta, e na que se ofrecerá un espectáculo familiar no que se mestura a narración oral, o teatro de animación á lectura e o teatro infantil.