A ALCALDESA VISITA A JOSEFA PIÑEIRO PARA FELICITALA POLO SEU 101 ANIVERSARIO

A rexedora acudirá persoalmente a felicitar a aqueles veciños e veciñas que cumpran durante este ano a centuria ou que a superen

Marta Rouco, visitou a Josefa Piñeiro, veciña do barrio de Carreiroa, na parroquia de Lanzós, con motivo do seu 101 aniversario e aproveitou para agasallala cun ramo de flores e intercambiar unha agradábel conversa coa protagonista.

Con esta primeira visita, a alcaldesa pon en marcha unha iniciativa mediante a cal visitará a todos os veciños e veciñas de Vilalba que cumpran durante este ano a centuria ou que xa a superen. Deste xeito, Marta Rouco acudirá persoalmente ao domicilio dos e das protagonistas desta proposta, coa que pretende «amosarlle ás persoas máis maiores do concello a importancia que teñen para nós», aproveitando a ocasión para agasallalas cun presente «como mostra de agradecemento e para manifestar o compromiso do goberno local co coidado e a atención das persoas maiores».

Josefa Piñeiro, a primeira protagonista desta iniciativa, é unha veciña de Lanzós nada no ano 1923 que convive coa súa irmá Angelines, de 96 anos, e que amosan un asombroso estado de saúde. «Sempre me botan menos anos», confesa Josefa, quen cumpre hoxe 101 anos e, segundo ela mesma conta, aproveita o seu tempo para entreterse con crucigramas, lecturas ou conversando co persoal do SAF que acode cada día a coidar dela e máis da súa irmá. Pois, este servizo supón, tal e como sinalaron as irmás Piñeiro, unha «enorme axuda» recoñecida pola alcaldesa como «un importantísimo labor que fai o persoal cada día para que os coidados cheguen á casa dos nosos maiores».

Precisamente nesa liña, dende o goberno local salientan que o Concello de Vilalba na actualidade supera as 300 persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, o que supón unhas 170.000 horas de prestación anual, un cadro de persoal de máis de 140 traballadores e traballadoras e unha significativa aportación económica -máis de 3 millóns de euros- das arcas municipais á prestación do servizo.

Ademais, a institución local tamén conta con outros programas orientados ao coidado e á atención das persoas maiores ou en situación de dependencia como «Xantar na casa», o programa municipal de envellecemento activo ou a prestación gratuíta do Servizo de Teleasistencia, entre outros.

«A prestación duns servizos sociais de calidade foi e seguirá sendo sempre unha máxima para nós e especialmente cando se trata de atención ás persoas maiores, pois debemos lembrar que máis do 7 por cento da nosa poboación, é dicir, máis de 1.000 veciños e veciñas, superan os 85 anos de idade» explicou Marta Rouco, quen ademais sinalou que «agardo que a iniciativa se reciba co mesmo agarimo co que o meu equipo e máis eu a poñemos en marcha».