A rexedora lamenta que “as instalacións leven meses en estado de absoluto abandono” e insiste na necesidade de que a dirección xeral de mobilidade resolva a situación da infraestrutura
A alcaldesa, Marta Rouco, visitou na mañá de hoxe as instalacións da estación de autobuses da vila, as cales se atopan “dende fai meses nun estado de absoluto abandono” segundo asegurou a propia rexedora.
Nesa liña, Marta Rouco solicítalle á Xunta de Galicia que “cando menos manteñan limpa e nun estado salubre a nosa estación de autobuses”. Pois, na actualidade as inmediacións da mesma acumulan vexetación sen cortar dende fai meses, todo tipo de lixo disperso polo recinto e diversos puntos nos que se acumulan ouriños.
“Tamén as luminarias se atopan completamente esnaquizadas e semella que sen ningún tipo de mantemento dende fai anos”, apuntou na súa visita a alcaldesa, Marta Rouco, quen asegurou que “é moi indignante que a Xunta de Galicia manteña unha das portas de entrada á nosa vila e á nosa comarca neste estado”.
“Se tampouco fan caso desta solicitude, como vén acontecendo dende fai máis dun ano e medio coa situación da estación de autobuses, dende o Concello verémonos na obriga de intervir e acondicionar nós mesmos as instalacións” explicou a rexedora, asegurando que “aínda que a Xunta siga na súa teima de abandonar a Vilalba o goberno municipal actuará cando sexa necesario para, polo menos, non transmitir ese sentimento de abandono e descoido aos veciños e visitantes”.
A SITUACIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES
Dende o Concello lembran que a estación de autobuses se atopa nesta situación dende fai máis dun ano e medio. “Logo de meses de insistencia conseguimos que a directora xeral de mobilidade visitara a comezos do mes de outubro as instalacións pero dende aquela seguimos sen ningún tipo de solución”, apuntou a alcaldesa, Marta Rouco.
Na actualidade, a estación de autobuses, ademais de levar meses sen o debido acondicionamento, non conta cuns servizos mínimos para os viaxeiros, como uns aseos ou un lugar onde resgardarse en días de choiva. “Os veciños e viaxeiros na maioría das ocasións non saben nin onde para o autobús para poder subirse a el, onde mercar o billete ou se a estación está aberta, porque a sensación de abandono é evidente” explicou a rexedora.
Para solucionar a situación, a proposta por parte do Concello pasa por manter as dársenas actuais, de forma que todas as empresas de autobuses acudan a elas para deixar e recoller pasaxeiros, instalar nesa mesma zona unha infraestrutura que permita aos viaxeiros resgardarse mentres agardan, habilitar un acceso aos baños da estación e acondicionar a contorna.
Ademais, “é fundamental que se instale algún panel informativo para que os pasaxeiros poidan consultar as rutas, saber a que horas chegan ou saen os autobuses e onde conseguir os billetes”, concluíu a alcaldesa, Marta Rouco.