A ALCALDESA, MARTA ROUCO, INSISTE DE NOVO NA URXENCIA DE RESOLVER A SITUACIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA

A directora xeral de mobilidade visitou as instalacións fai case 5 meses, cando prometeu que se estudarían as posibles solucións sobre as que a rexedora leva insistindo case 1 ano e medio

A alcaldesa, Marta Rouco, insiste de novo na urxencia de que “a Xunta de Galicia dea unha solución á situación da estación de autobuses, que leva case un ano e medio nunhas condicións pésimas e sen servizos básicos para os usuarios e usuarias do transporte público”.

En relación a esta situación a rexedora, Marta Rouco, apelou á Xunta de Galicia fai xa case un ano e medio, conseguindo meses despois que a directora xeral de mobilidade visitara a infraestrutura. Non obstante, e a pesar de que esta se comprometera a estudar as posibles solucións, 5 meses despois desa visita a estación de autobuses segue nas mesmas condicións.

“Entendemos que pode levar certo tempo facer un estudo detallado das solucións pero neste caso formuláronse 2 posibilidades e están completamente definidas, polo que non é comprensible que levemos máis de 5 meses agardando unha resposta”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

Nesa liña, a solución proposta polo Concello centrábase na recuperación dos servizos básicos da infraestrutura, o que implicaría manter as dársenas actuais, de forma que todas as empresas de autobuses acudan a elas para deixar e recoller pasaxeiros, instalar nesa mesma zona unha infraestrutura que permita aos viaxeiros resgardarse mentres agardan e habilitar un acceso aos baños.

Así mesmo, para a rexedora “é fundamental que se instale algún panel informativo coas rutas e os horarios e acondicionar a contorna”. Mentres que dende a dirección xeral de Mobilidade propoñían instalar unha dársena nas inmediacións da estación, o que suporía o peche definitivo do recinto.

“A Xunta de Galicia vén de sacar peito do incremento do número de liñas de transporte público pero hai que empezar pola base, para que o transporte público funcione correctamente hai que ter unhas infraestruturas axeitadas e en Vilalba non é así”, salientou Marta Rouco, ao tempo que engadiu que “é sanguento que a nosa estación de autobuses leve case un ano e medio sen ningún tipo de mantemento e que dende a Xunta de Galicia manteñan unha das portas de entrada á capital da comarca chairega neste estado de abandono”.

Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco asegurou que “dende a Xunta de Galicia trasladouse aos medios de comunicación fai cuestión dun mes que se estaban estudando as posibilidades de mellora, o que choca de fronte coa proposta da directora xeral de mobilidade de pechar definitivamente o recinto”. “É evidente que pechar a estación non é unha mellora, é o castigo definitivo para Vilalba. Somos un concello con poboación e visitantes que empregan estes servizos e non podemos quedar relegados a unha simple parada”, concluíu a rexedora.

TRANSPORTE ESCOLAR

Pola súa banda, a alcaldesa, Marta Rouco, tamén explicou que “logo da continua insistencia do Concello e tras tres meses de agarda, cos consecuentes trastornos para as familias durante todo un trimestre escolar, deuse solución ás incidencias na liña de transporte escolar do CEIP Terra Chá e á parada de Broz que afectaba a un alumno do CEIP Antonio Insúa Bermúdez”.

Non obstante, a problemática dos usuarios e usuarias da ruta de transporte integrado que discorre polas parroquias de San Simón, Vilapedre e Lanzós, segue sen solucionarse. “A resposta da Xunta de Galicia foi que se emprega un vehículo con dúas prazas adicionais ás reservadas e que se mantén a mesma capacidade que no curso pasado, algo que xa sabiamos todos”, explicou Marta Rouco.

“O que se solicitou foi que aumentaran precisamente esa capacidade que o curso pasado era suficiente pero este non, porque hai familias con mozos que agora están matriculados en bacharelato e ciclos de Formación Profesional que se vén na obriga de desprazarse cada día ata Vilalba para deixar e recoller aos seus fillos, co consecuente trastorno e dificultades para conciliar que supón isto para as familias”, salientou Rouco.

En definitiva, “a resposta da Xunta de Galicia amosa a súa completa insensibilidade e a pésima xestión que fan do transporte integrado, que utilizaron como propaganda política para vender que se melloraban as comunicacións no rural, pero que agora demostran que cando realmente hai problemas deixan tirados aos veciños e veciñas”, rematou a alcaldesa.