A ALCALDESA , MARTA ROUCO, ADVIRTE Á XUNTA DA NECESIDADE DE “PLANIFICAR A COBERTURA DE PROFESIONAIS NO CENTRO DE SAÚDE DA NOSA VILA EN VISTA DAS 3 NOVAS XUBILACIÓNS QUE SE PREVÉN”

A rexedora pretende con esta advertencia “que a atención primaria dos nosos veciños e veciñas estea asegurada” e destaca que actualmente “no mellor dos casos o tempo de agarda para unha cita é de dúas semanas, pero pode chegar a superar o mes”

A alcaldesa, Marta Rouco, advirte de que “no centro de saúde da nosa vila están previstas 3 novas xubilacións, 1 nos vindeiros meses e 2 de cara ao verán, polo que é unha necesidade inminente que a Xunta de Galicia planifique estas baixas e as cubra con profesionais de atención primaria”.

O centro de saúde atópase neste momento con “3 cupos de médicos de atención primaria sen cubrir e outro que só ten cobertura 3 días á semana, un deses días a media xornada”, asegura a rexedora, quen destaca que “no mellor dos casos o tempo de agarda para conseguir unha cita co médico de cabeceira é de dúas semanas, pero pode chegar a superar o mes”.

De cara ao verán, no centro de saúde está prevista a xubilación de dous profesionais de atención primaria que se suman á xubilación nos primeiros meses do ano doutro profesional, “o que suporía, se a situación segue como na actualidade, que dos 11 cupos do centro, máis da metade quedaran sen profesional de referencia e, polo tanto, que as listas de agarda se dupliquen”.

“É unha necesidade inminente que a Xunta de Galicia actúe con tempo e forma ante esta situación, cubrindo os cupos que quedarán sen profesionais durante o verán”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco, quen con esta advertencia pretende “que a atención primaria dos nosos veciños e veciñas estea asegurada”.

Ademais, Rouco salienta que “durante o verán os profesionais acostuman ter que atender a máis pacientes derivados do centro de saúde do concello de Abadín e a Xunta non pode esquecerse das ausencias de profesionais de vacacións, baixas puntuais ou permisos ós que os médicos teñen dereito como todos os traballadores”, polo que a alcaldesa lle urxe á Xunta de Galicia “unha previsión óptima para que a situación do noso centro de saúde non se agrave máis aló das circunstancias límite que atravesa na actualidade, o que comprometería de cheo a saúde dos nosos veciños e veciñas”.