O goberno local realizará tarefas de pintado e sinalización horizontal do polígono ademais dunha renovación do alumeado público para a que vén de solicitar unha axuda de máis de 100.000 euros
O Concello mantivo unha reunión na mañá deste luns coa directiva da Asociación de Empresarios Sete Pontes coa finalidade de estudar as principais liñas de acción que motivarán as vindeiras actuacións da corporación municipal no parque empresarial de Vilalba.
Na xuntanza, ademais dos representantes do goberno local tamén estiveron presentes todas as forzas políticas representadas na corporación que, de forma conxunta, abordaron cos empresarios vilalbeses cales son as principais necesidades do polígono Sete Pontes e as melloras e actuacións que se prevén levar a cabo durante os próximos meses.
Segundo o acordado, o Concello realizará tarefas de pintado e sinalización horizontal e vertical das rúas e os espazos públicos do polígono industrial, que contan cun orzamento de 17.800 euros. As actuacións, que se levarán a cabo unha vez melloren as condicións meteorolóxicas, inclúen a limpeza e desbroce do parque empresarial, o pintado de máis de 13.000 metros de liña continua e discontinua, máis de 1.000 metros cadrados de pasos de peóns e a instalación de numerosas sinais horizontais e verticais.
A alcaldesa, Marta Rouco, referiuse a ditas tarefas como «esenciais debido ao alto volume de tráfico que ten o polígono industrial» polo que permitirán «mellorar a seguridade viaria e os servizos ás empresas instaladas no noso parque empresarial».
De cara ao futuro, o goberno local prevé unha renovación do alumeado público do parque empresarial para o que o goberno local vén de solicitar unha subvención cun orzamento de 109.075,07 euros.
Ditas actuacións, para as cales a documentación está xa presentada, consistirán na substitución de 123 luminarias existentes por outras de menor consumo enerxético, con tecnoloxía led e de dobre nivel. Ademais, tamén se realizará a adecuación dos centros de mando á nova situación e á normativa vixente e executaranse as actuación de mellora do cableado existente e as tomas de terra nos puntos necesarios.
«Con esta actuación conseguimos reducir máis dun 65% o consumo enerxético anual e mellorar as condicións de traballo das empresas instaladas no parque empresarial» explicou a alcaldesa, Marta Rouco.
Pola súa banda, os representantes da Asociación de Empresarios Sete Pontes solicitaronlle ao goberno local a adhesión do Concello de Vilalba ao programa Doing Business, cuestión que o equipo de goberno estudará para converter ao municipio en Concello Emprendedor. Unha medida coa que poderán establecerse rebaixas fiscais para as empresas que se instalen no municipio ou facilidades para o acceso ao solo industrial, entre outras.
Ademais, dende a asociación de empresarios tamén amosaron o seu interese na ampliación do polígono industrial, polo que o goberno municipal os informou da situación actual da tramitación.