A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE VILALBA ABRIU HOXE DE NOVO AS SÚAS PORTAS TRAS AS OBRAS DE REMODELACIÓN DAS INSTALACIÓNS

O Concello de Vilalba conta desde hoxe cunha renovada Biblioteca Municipal, tras as obras de remodelación levadas a cabo durante os últimos tres meses para acondicionar o espazo.

As obras, cun orzamento de 35.443,82 euros, incluíron como principais actuacións o cambio de fiestras (11.045,9 euros); a instalación de mobiliario novo (12.169 euros), e a susbstitución do antigo chan por tarima flotante (7.749,41 euros).

“Con esta reforma, poñemos a disposición de todas as persoas usuarias da Biblioteca un espazo acondicionado e máis cómodo, o fomento dos hábitos de lectura desde idades moi tempranas é unha prioridade para nós”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco.

“A Biblioteca ten que ser un espazo agradable, acolledor, no que dean ganas de pasar o tempo, e esta reforma está pensada con esa finalidade; ademais, fixéronse cambios fundamentais no mobiliario, como as novas fiestras que nos permiten reforzar a seguridade dos usuarios e usuarias e ser máis eficientes enerxeticamente”, engadiu Rouco.

O Concello de Vilalba organizou para a reapertura das instalacións unha xornada con numerosas actividades á que asistiron a alcaldesa e a concelleira de Educación, Infancia e Xuventude, Paula Vigo.

Pola mañá actuou o ‘Club de Regueifa do Basanta’ e as persoas usuarias do Centro Ocupacional visitaron as instalacións para ver os elementos decorativos que elas mesmas elaboraron para a Biblioteca Municipal.

Pola tarde, actuou a agrupación de cantareiras e pandeireteiras chairegas Lambe Lambe e fíxose a entrega de premios do Reto Lector 2023. Josefa Sotelo Rodríguez, de 87 anos, foi a lectora de máis idade en completar o reto; Silvia Rochela Eimil, de 12 anos, a máis nova en completalo, e Iris Debasa López a gañadora a do sorteo entre os máis de 60 usuarios e usuarias que conseguiron completar o Reto Lector

Ademais, presentouse o Reto Lector 2024 e o novo club de lectura da Biblioteca Municipal.

Coa remodelación, o concello pintou tamén toda a zona de lectura, tanto a infantil como a de adultos; adquiriu novas estanterías; un aparato para imprimir os carnés de socio; creouse unha esquina na zona infantil para un recuncho de lectura, e instaláronse baldas novas que permitiron crear novas seccións.