O GOBERNO VILALBÉS LEVARÁ A PLENO O INCUMPRIMENTO POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA DUN CONVENIO ASINADO CO CONCELLO NO ANO 2005

Trátase dun acordo para a adecuación e a transferencia de tres travesías urbanas que non chegou a completarse e conduciu a un notable retraso das obras necesarias na LU-119

O grupo de goberno do Concello de Vilalba presentará mañá no pleno ordinario da corporación unha moción esixindo á Xunta de Galicia o cumprimento do Convenio interadministrativo de colaboración asinado no ano 2005 para a adecuación e transferencia da titularidade das estradas LU-118, LU-119 e LU-126.

«Unha vez máis, vémonos na obriga de pedir á Xunta de Galicia o que nos pertence» apuntou a rexedora, Marta Rouco. Pois, segundo consta nos arquivos municipais, en xullo do ano 2005, o goberno autonómico asinaba co Concello de Vilalba un convenio para proceder ao arranxo de tres estradas do casco urbano da vila, co obxectivo de que cumprisen cuns niveis aceptables de seguridade e puideran ser explotadas polo Concello nunhas condicións adecuadas.

Non obstante, dous anos despois e coas obras sen comezar, as institucións asinaron unha primeira addenda ao convenio para levar a cabo un reaxuste nas anualidades. E posteriormente, os suplementos iríanse sucedendo con incrementos no financiamento e de novo, reaxustes nas anualidades. Ata o ano 2010, data na cal se propuxo incrementar o orzamento para as obras da LU-118 e firmar un novo convenio para o acondicionamento das estradas LU-119 e LU-126.

Ademais, nese mesmo ano as tres estradas mencionadas foron transferidas ao Concello de Vilalba co compromiso de arranxar as deficiencias das mesmas por parte da Xunta de Galicia. De tal xeito que o Concello de Vilalba se fixo cargo do mantemento das mesmas, «mentres que o goberno autonómico non cumpriu a súa parte do compromiso» salientou Rouco.

Así mesmo, as obras sobre a LU-119, que transcorre dende a Rúa Cidade de Galicia ata a estrada Vilalba-Rábade, «nunca chegaron», segundo apunta a alcaldesa. Polo que, 15 anos despois da sinatura do primeiro convenio, no ano 2020, o Pleno acordou por maioría absoluta solicitar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o financiamento preciso para a execución das acometidas. Mais, ante esta petición «o goberno autonómico fixo caso omiso, de novo, ás peticións do Concello de Vilalba e ratificou o seu desprezo co noso municipio» sinalou a rexedora vilalbesa.

«Catro anos despois consideramos que é urxente que se cumpra o acordado e  financiar unhas obras imprescindibles», apuntou Marta Rouco. Polo que o goberno local proporá na sesión plenaria de mañá a reclamación á Xunta de Galicia do cumprimento do convenio e así poder levar a cabo as obras necesarias na travesía LU-119 en toda a súa lonxitude co fin de corrixir o «estado de deterioro considerable» no que se atopa, tal e e como avalan os informes dos servizos técnicos municipais.