O CONCELLO DE VILALBA INFORMA DO COMEZO DAS OBRAS PARA RENOVAR E PAVIMENTAR CATRO VIAIS DE ACCESO A CASCAMAÑO, O MONTE, REBORDELO (CODESIDO) E MILLARES (SANTABALLA)

O Concello de Vilalba informa do inminente comezo das obras para a renovación e pavimentación de catro viais de acceso aos núcleos de Cascamaño, O Monte e Rebordelo, na parroquia de Codesido, e Millares, na parroquia de Santaballa.
Os traballos, orzamentados en 30.000 euros, terán un período de execución dun mes e forman parte do plan integral de mantemento e renovación de viais e camiños nas parroquias de Vilalba, posto en marcha polo actual grupo de goberno no concello.
A primeira das actuacións trátase da estrada de acceso ao núcleo de Cascamaño, cun percorrido de 820 metros e un ancho de tres metros. A superficie actual de rodadura está afirmada con zahorra e sen pavimentar, o que provoca dificultade para circular, xa que ademais a vía é o único acceso rodado ás vivendas da zona.
No caso de Rebordelo, os traballos serán na estrada municipal que da acceso a este núcleo, cun percorrido de 150 metros e un ancho de tres metros. Supón tamén o único acceso pavimentado ás vivendas deste núcleo. Instalarase aedmais sinalización vertical.
No caso do Monte, o concello pavimentará un vial de oitenta metros e un ancho de catro metros. Por último, na parroquia de Santaballa as obras previstas consisten na pavimentación da vía municipal de acceso ao barrio de Millares. O percorrido deste camiño é de 125 metros. A vía supón o único acceso rodado ás viviendas da zona e comunica estas cunha vía de titularidade provincial, a LU-P-6509.
“Con estas obras damos resposta ás demandas veciñais, que piden unha maior seguridade viaria nas parroquias, son viais moi deteriorados que necesitaban unha actuación desde hai anos”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.