O CEIP MATO VIZOSO E O CEIP INSUA BERMÚDEZ RECIBEN A PRIMEIRA SESIÓN DOS OBRADOIROS DE COMPETENCIAS EMOCIONAIS

A alcaldesa, Marta Rouco, visitou os centros educativos vilalbeses para coñecer de primeira man a iniciativa que forma parte do Programa de Prevención de condutas aditivas do Concello de Vilalba

Na mañá de onte os centros de educación primaria do casco urbano de Vilalba, o CEIP Mato Vizoso e o CEIP Insua Bermúdez, recibiron a primeira sesión dos obradoiros de competencias emocionais dirixidos ao alumnado de 6º de primaria.

Durante esta primeira xornada, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, visitou persoalmente o alumnado receptor da iniciativa para coñecer de primeira man o contido e o desenvolvemento duns obradoiros que «dotarán aos nenos e nenas das ferramentas necesarias para xestionar as súas emocións, consigo mesmos e cos demais» salientou a rexedora vilalbesa.

Esta iniciativa, incluída dentro do Programa de Prevención de condutas aditivas do Concello de Vilalba, basease na aprendizaxe e no desenvolvemento das habilidades intrapersoais e interpersoais que integran a intelixencia emocional a través de dinámicas e actividades que fomentan a comunicación.

Pola súa banda, tamén os centros educativos do rural vilalbés serán beneficiarios desta proposta que busca «desenvolver factores de protección no alumnado e intentar reducir ao máximo o impacto de determinados factores de risco» sinalou a alcaldesa e concelleira de servizos sociais, Marta Rouco.

Ademais, a rexedora vilalbesa tamén explicou que «son xornadas que se levarán a cabo durante todo o curso e que se estenderán tamén ao vindeiro para que goce delas o maior número de alumnado posible».