O CONCELLO DE VILALBA CELEBRA CON ÉXITO A FEIRA DO CAPÓN 2023

O Concello de Vilalba celebrou esta mañá con éxito a tradicional Feira do Capón, unha das citas máis especiais do ano na capital chairega.

O conxunto da corporación local, coa alcaldesa Marta Rouco e o resto do goberno, estiveron na feira, á que tamén asistiron o deputado provincial José María Arias, alcalde de Castroverde; a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo, entre outras autoridades.

“Quero poñer en valor o traballo de todas as criadoras e criadores, porque para celebrar esta feira no Nadal é imprescindible o seu traballo durante todo o ano, coidando e criando con mimo os capóns de Vilalba”, afirmou a alcaldesa, Marta Rouco.

“O prestixio internacional da Indicación Xeográfica Protexida Capón de Vilalba é o resultado dun proceso de cría artesanal e o obxectivo é o mesmo desde o século XIX: que este manxar tan exquisito e esperado no Nadal sexa da maior calidade, respectando unha tradición centenaria loada e admirada por todo o mundo que pasa de xeración a xeración”, engadiu a alcaldesa.

Neste 2023, Participaron 37 criadoras e criadores, que censaron máis de 1.200 exemplares. Resultaron premiados cos prestixiosos galardóns da Feira do Capón Oliva Souto, polo maior número de exemplares traídos á feira; María del Carmen Barro, mellor criadora; Milagros Lozano, polo mellor par; e Vanesa Coira, pola mellor cesta.

Houbo un premio especial para as novas incorporacións ao rexistro de criadoras e criadores: Paz Domínguez, Laura Cortiñas e Fernando Méndez.

Máis dun milleiro de veciños e visitantes se acercaron ata Vilalba para desfrutar desta Feira tan admirada dentro e fora de Galicia. Dende ás 10.00 horas, momento en que a Feira abriuse ao público, todos os visitantes puideron desfrutar ademais dos exquisitos produtos de Vilalba e os municipios da súa contorna como o queixo de San Simón, o roscón de Vilalba, diferentes tipos de carnes, marmeladas, mel ou as filloas de Muimenta. 

Tamén dende as 12.30 horas repartíronse de froma gratuíta na foodtruck máis de 400 tapas de capón para que todo o mundo probase este manxar con tres elaboracións diferentes da man de AUTGA Autóctonas.