O CONCELLO DE VILALBA PUBLICA AS BASES E ABRE O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE TRABALLOS PARA O XLIX PREMIO DE POESÍA DO SEU CERTAME LITERARIO

O Concello de Vilalba anuncia o inicio do pazo de presentación de traballos para XLIX Premio de Poesía do seu Certame Literario, así como as bases de participación.

O galardón está dotado con 7.000 euros e a publicación íntegra da obra gañadora, xunto a unha flor natural e un diploma.

 O prazo para presentar os traballos remata o 9 de xuño ás 14:00 horas.

Poderán participar neste concurso todos os autores e autoras que o desexen, sempre que presenten as obras en lingua galega. Os poemas serán orixinais e inéditos, non premiados noutros concursos en datas anteriores ao fallo do xurado.

O Concello de Vilalba defende o impulso á produción cultural como unha das súas prioridades, apostando ademais pola creación poética en lingua galega, un obxectivo que queda reflexado neste concurso que chega a súa corenta a nove edición.

O seu prestixio está vencellado a nomes tan recoñecidos da literatura galega como Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Xavier Alcalá ou Yolanda Castaño, que forman parte do elenco de gañadores dende a súa creación no ano 1975.

As obras, de tema libres e cunha extensión mínima de 500 versos, enviaranse por vía electrónica a través da páxina http://www.certamedevilalba.org/inscricion, indicando o lema que distinga o traballo e achegarase o arquivo en formato PDF, co contido da obra.

A continuación, enviarase por correo ordinario un sobre pechado no que figurará o lema do traballo. No seu interior irá o nome e apelidos do autor/a, DNI, enderezo, teléfono, poboación de residencia e declaración formal de que a obra é inédita, xunto cunha pequena biografía do autor/a. Debe enviarse ao Concello de Vilalba (Praza da Constitución número 1).

O xurado será nomeado mediante resolución da Alcaldía, e estará composto por persoas vencelladas ao eido da cultura e da educación. A composición do xurado farase pública na páxina web https://www.vilalba.gal/ e na Sede Electrónica do concello.

Pódense consultar as bases no documento adxunto.