A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anunciou esta mañá en Vilalba un investimento de 841.424,50 euros en varias actuacións de mellora no Parador, un inmoble declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
No acto, celebrado no Parador de Vilalba, participaron Isabel Rodríguez, acompañada da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, a concelleira Antía Rama e o director do establecemento, Antonio Graña.
Concretamente, realizaranse traballos de rehabilitación e conservación da torre, así como a renovación do alumeado da torre do Parador de Vilalba e do almenado, con criterios de eficacia e eficiencia enerxética.
“Pretendemos mellorar e embelecer, máis se cabe, esta torre da época medieval cargada de historia, que é un potente reclamo turístico, cultural e gastronómico, pois por aquí transcorre o Camiño Norte de Santiago, ofrecendo experiencias únicas aos visitantes”, apuntou a subdelegada.
Pola sua parte, a alcaldesa de Vilalba destacou a importancia deste investimento “para o noso patrimonio cultural e para o conxunto do tecido económico local, xa que mellorando a conservación do Parador medra o turismo e a actividade do sector servizos”.
“O Parador é un emblema de Vilalba nun enclave histórico do Camiño Santiago, polo que agradezo a implicación do Estado; este tipo de actuacións son a mellor maneira de promocionar un concello e o seu patrimonio”, engadiu Veleiro.
Estes traballos encádranse dentro do Plan de Modernización e Competitividade do Sector Turístico, liderado pola Secretaría de Estado de Turismo, para levar a cabo obras de conservación e rehabilitación no parador.
O orzamento procede do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polos fondos Next Generation da UE, e ten como finalidade a rehabilitación, mantemento e embelecemento do patrimonio histórico da rede de Paradores de Turismo.
“Estes novos investimentos veñen a demostrar o compromiso do Goberno coa provincia de Lugo, permitindo conservar e potenciar o rico e abundante patrimonio que ofrece a nosa provincia”, rematou a subdelegada.