O CONCELLO DE VILALBA RENOVARÁ O PAVIMENTO DA PISTA DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DO CEIP MANUEL MATO VIZOSO

O Concello de Vilalba acometerá a renovación do pavimento da pista do pavillón polideportivo do CEIP Manuel Mato Vizoso, unhas obras cun orzamento de máis de 88.000 euros que acometerá con fondos propios.

Con esta actuación, derivada dun acordo entre o grupo de goberno do PSOE e Vilalba Aberta, preténdese renovar a totalidade do pavimento da pista polideportiva e da zona de acceso ós vestiarios.

O pavimento existente na zona adicada á práctica de diversos deportes atópase na actualidade moi deteriorado a causa do intenso uso ó que se ve sometido a diario, así como polo paso do tempo, as oscilacións térmicas habituais na zona ou a existencia durante tempo de goteiras na cuberta das intalacións (xa arranxadas), que provocaban humidades na súa superficie.

As tarefas que se levarán a cabo consistirán na renovación do pavimento existente, mediante o nivelado da superficie actual con morteiro e a instalación dun novo pavimento deportivo de PVC de 7 mm de espesor en toda a pista e nos accesos ós vestiarios.

Finalmente, procederase ó marcado das liñas da pista de fútbol sala, baloncesto é tenis, conforme ás normas federativas en vigor.

“Un paso máis na renovación dos servizos e infraestruturas municipais, un proxecto moi importante que da resposta ás demandas da comunidade educativa e os pais”, afirma Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.