O Concello de Vilalba trasladou ao Consello Consultivo de Galicia a súa decisión de rescindir o contrato coa empresa Asfalgal Técnicas Viarias, encargada da renovación de varios viais nas parroquias da vila, por graves incumprimentos na realización dos traballos.
O concello viuse na obriga de suspender o contrato e, tras as alegacións presentadas pola empresa, tomou a decisión de levar o tema ao Consello Consultivo de Galicia.
O grupo de goberno de Vilalba non entende como outras administracións non advertiron previamente da actuación desta empresa, e pretende ademais que non teña opción de optar a novos traballos a través das plataformas de contratación públicas.
En concreto, as obras afectadas eran para o mantemento de varios camiños na parroquia de Alba e outras actuacións para a mellora dos accesos a núcleos de Corvelle, Goiriz, Román, Codesido, Carballido e A Costa. En total, un investimento de 230.000 euros nas pistas.
A decisión do concello tomouse para axilizar unha nova adxudicación, realizando desta forma as obras no menor prazo de tempo posible.
No seguimento das actuacións afectadas, o concello detectou diferentes incumprimentos, todos eles graves, polo que procedeu a resolver os contratos.