O CONCELLO OFRECERÁ MOCHILAS VIBRATORIAS, PLATAFORMAS DE VISIBILIDADE E ASEOS ADAPTADOS NAS FESTAS PATRONAIS AVANZANDO EN MATERIA DE ACCESIBILIDADE

O Concello de Vilalba, no seu obxectivo de mellorar a accesibilidade do municipio, ofrecerá por primeira vez distintas medidas de accesibilidade nas Festas Patronais de San Ramón e Santa María, que xa están a piques de comezar.

Entre os servizos de accesibilidade que se ofrecerán inclúense mochilas vibratorias, plataformas de visibilidade e aseos adaptados.

Dunha banda, as mochilas vibratorios ofreceranse gratuitamente nos concertos de Tanxugueiras (martes 30 de agosto), Manu Chao (venres 2 de setembro) e Treixadura (domingo 4 de setembro). As persoas interesadas neste servizo poden contactar coa Asociación Acopros por WhatsApp no teléfono 698110288.

Ademais, o concerto de Tanxugueiras contará cunha intérprete no escenario traducindo a lingua de signos a letra das cancións.

Doutra banda, habilitaranse espazos con maior visibilidade para persoas con mobilidade reducida. Estas plataformas con rampla estarán localizadas no Campo da Feira, na Praza de Santa María e reservarase un espazo na Praza da Constitución sobre o palco da música.

Este tipo de plataformas permiten que persoas que empregan cadeiras de rodas, ou con outro tipo de limitacións, podan ver o concerto sen ningún tipo de obstáculo visual. Co obxectivo de mellorar a organización destes espazos, prégase que as persoas interesadas envíen un correo electrónico a comunicacion@vilalba.es

Por último, tamén se habilitarán aseos portátiles dirixidos a persoas con mobilidade reducida (PMR). Este tipo de servizos permiten que persoas con algún tipo de limitación na súa mobilidade poidan usar o aseo cos elementos de seguridade e apoio necesarios.

“A cultura é un dereito da cidadanía, polo que debemos facilitar un acceso universal. A miúdo estes colectivos quedan excluídos por non contar con servizos adaptados, por iso esperamos que gocen en igualdade das festas grazas a estas medidas”, asegura Vanesa Siso, concelleira de Cultura de Vilalba, engadindo que “sabemos que queda moitísimo por facer en materia de accesibilidade, pero imos dando os primeiros chanzos e escoitando todas as necesidades que se nos trasladan para tratar de ir dando resposta pouco a pouco”.