O Concello de Vilalba publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladoras do proceso de adxudicación das barras de venda de bebidas das festas patronais de San Ramón e Santa María.
En concreto, o procedemento é para a adxudicación do uso e explotación de tres barras de bebidas na praza da Constitución, outras tres no Campo da Feira, catro na explanada da piscina municipal, e unha na praza de Santa María para o concerto de Manu Chao.
As solicitudes, xunto coa documentación preceptiva, poderán presentarse ata o día 12 de agosto no Rexistro Xeral do concello, ou a través de calquera das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
A selección dos adxudicatarios efectuarase mediante o sistema de poxa aberta, a celebrar en acto público no salón de plenos do Concello de Vilalba o día 16 de agosto ás 12:00 horas.
O Concello de Vilalba utiliza este modelo de adxudicación das barras de bebidas das festas patronais para establecer un proceso aberto e transparente para todos os interesados.