O Concello de Vilalba informa que o prazo de matrícula e renovación do servizo de madrugadores comeza o próximo luns 20 de xuño, rematando o 30 do mesmo mes. O servizo diríxese ao alumnado de educación infantil e primaria dos centros de ensino públicos de Vilalba no próximo curso 2022-2023.
O servizo de madrugadores realizarase no CEIP Antonio Insua Bermúdez, no CEIP Manuel Mato Vizoso e na Escola de Educación Infantil de Vilalba. En total, ofértanse 60 prazas, repartidas en grupos de 20 nenos e nenas en cada centro educativo.
Con este servizo, xestionado polo Concello de Vilalba dende o pasado curso, preténdese facilitar a conciliación laboral, persoal e familiar, contribuíndo á vez á educación do alumnado inscrito. A actividade comezará ás 7:30 e rematará á hora de entrada nos distintos centros educativos.
As familias interesadas poden inscribir aos seus nenos/as como usuarios/as fixos do servizo, escollendo entre 1 día e 5 á semana. O custe do servizo de luns a venres é de 40 euros ao mes, mentres que os días soltos terán un prezo de 6 euros diarios.
Doutra banda, aquelas familias que precisen o servizo de forma puntual (usuarios/as ocasionais) poderán empregalo con previo aviso á organización.
O alumnado xa admitido no curso anterior terá garantida a súa praza sempre e cando presente a solicitude de renovación e cumpra cos requisitos establecidos.
No caso de que as solicitudes superen as prazas ofertadas, seleccionaranse as persoas admitidas en función do baremo incluído nas bases con prioridade ás empadroadas en Vilalba.
As familias interesadas neste servizo deberán solicitalo a través da Sede Electrónica ou nos rexistros habilitados achegando a documentación pertinente e o anexo, de renovación ou de nova matrícula, segundo corresponda. As persoas que precisen o formato ocasional deberán entregar o anexo correspondente a primeira vez que utilicen o servizo.