O CONCELLO DE VILALBA SACA A LICITACIÓN A RENOVACIÓN DO ALUMEADO EN VARIOS NÚCLEOS DAS PARROQUIAS DE SANTABALLA E RIOAVESO

O Concello de Vilalba saca a licitación unhas obras para a renovación das instalacións e o alumeado exterior nos núcleos de poboación de O Carrizo e Feiranova (parroquia de Santaballa) e As Campelas (Rioaveso).

Con esta actuación, o concello renovará un total de 201 puntos de luz con tecnoloxía LED (87 en Balneario O Carrizo, 48 en Feiranova e 66 nas Campelas), mellorando desta forma a eficiencia enerxética e rebaixando o consumo de enerxía e a contaminación lumínica.

O proxecto inclúe tamén a renovación dos cadros e caixas, xa que o conxunto de instalacións que xestionan o alumeado nestes núcleos está en mal estado. Tamén se substituirán o cableado e os condutores da rede de distribución, tanto os subterráneos como os aéreos.

Unha vez instalado o novo alumeado, o aforro enerxético superará o 70% e a redución de gasto para as arcas municipais rondará os 7.300 euros anuais. As novas luminarias dispoñen por outra parte dun sistema de regulación individual por bluetooth.

O orzamento da obra supera os 200.000 euros, pero o concello conseguiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), que aporta o 80% do investimento.

“Continuamos con esta actuación a renovación da rede de alumeado público, tanto no casco urbano como nas parroquias de Vilalba, que estaba deteriorado tras varias décadas sen ningún tipo de mantemento”, afirma Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas.