REMATADO O MURAL DEDICADO A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ EN VILALBA

Vilalba conta cun novo mural artístico dedicado a Agustín Fernández Paz e elaborado polo artista Mon Devane, na avenida de Terra Chá. O concelleiro de Urbanismo, Luis Fernández; a concelleira de Cultura, Vanesa Siso, e a tenente de alcaldesa e concelleira de Comercio, Marta Rouco, visitaron o lugar tras a finalización do traballo.

A peza artística homenaxea ao escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, enxalzando a súa figura a través da arte urbana. Dende o Concello de Vilalba agradeceron ao artista Mon Devane a creación desta obra de gran calidade que expresa con realismo a figura de Fernández Paz, cuxo rostro aparece acompañado dos libros que simbolizan a súa traxectoria.

Non obstante, alén do propio mural terminado, todo o proceso de pintado foi un gran espectáculo en directo para a cidadanía de Vilalba. O mural tivo unha boa acollida entre os veciños e veciñas, que se achegaron tanto a seguir o proceso como a contemplar a peza artística final.

O novo mural, situado na avenida Terra Chá, súmanse aos catro que xa embelecen o casco urbano de Vilalba, na piscina municipal, de Iria Fafián; na rúa Carmiña Prieto Rouco, de Pablo Lage (Van-Kraft); na rúa do Cotarón, de Miguel Peralta (Cestola na Cachola); e na travesía dos Castros, de Lula Goce. Ademais, estes murais repercuten no obxectivo do goberno local de humanizar a vila mediante a arte urbana.

O Concello de Vilalba impulsa así un novo recoñecemento a Agustín Fernández Paz, que se suma a outros como o premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil, impulsado polo IESCHA e Edicións Xerais. Con esta homenaxe, o Concello busca reivindicar a traxectoria deste símbolo literario, que supón un orgullo para a vila de Vilalba.