O CONCELLO DE VILALBA SOLUCIONOU XA MÁIS DE 1.450 INCIDENCIAS GRAZAS AO SERVIZO DE COMUNICACIÓN ‘LIÑA VERDE’, CASE O 80% DOS AVISOS RECIBIDOS

O Concello de Vilalba recibiu desde a posta en marcha do servizo de comunicación ‘Liña Verde’ un total de 1.898 avisos de incidencias, dos que xa solucionou o 77,61% (máis de 1.450).

Grazas á implantación deste servizo, os veciños e veciñas de Vilalba dispoñen dunha canle directa de comunicación co Concello para informar sobre os danos localizados no municipio.

“É unha maneira de achegar o concello á cidadanía mediante as novas tecnoloxías, co que se axiliza dunha maneira considerable a posibilidade de solucionar os problemas da xente no seu día a día”, explica Eduardo Vidal, concelleiro de Servizos.

O tipo de incidencias que máis se comunicaron son aquelas que fan referencia a ‘Iluminación Pública’ (53%); seguidas de ‘Beirarrúas e Estradas’ (14%): ‘Lixo’ (6%); ‘Sinalización viaria’ (4%); ‘Mobiliario Urbano’ (3%); ‘Rede de sumidoiros e Augas’ (3%); ‘Limpeza’ (3%) e ‘Control de Velutinas’ (3%).

“Por diversas circunstancias non todas as cuestións poden ser arranxadas, pois entre elas achégannos casuísticas que non son de competencia municipal, aínda que lle damos traslado ás administracións competentes”, engade Vidal.

Para poder utilizar este servizo é necesario proceder á descarga da APP Liña Verde. Para iso, o usuario accede a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada na súa Smartphone (Android/ iOS). Unha vez localizada, leva a cabo a descarga de forma gratuíta.

O procedemento é moi rápido e sinxelo. Para comunicar unha incidencia, basta con pulsar sobre o botón ‘Nova Incidencia’. Un despregable coas diferentes tipoloxías de incidencias aparece en pantalla. O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar e engade unha fotografía.

“Agradecemos a importante participación cidadá, o que demostra a súa implicación e o interese dos veciños e veciñas polo seu municipio”, remata Vidal.