O Concello de Vilalba presentou esta mañá o seu Estudo de Mobilidade e Espazo Público (EME), unha ferramenta fundamental para a planificación e a implementación de propostas destinadas a mellorar o espazo público e a accesibilidade da vila, o tránsito peonil e ciclista e, por suposto, a reordenación do tráfico e o estacionamento.
O EME, que é ademais un documento necesario para a obtención de fondos europeos de mobilidade sustentable que melloren os desprazamentos internos nos núcleos de poboación e entre concellos próximos, foi presentado esta maña en rolda de prensa pola tenente de alcaldesa do Concello de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Luis Fernández.
A realización deste estudo de mobilidade e espazo público camiña en paralelo ás redaccións do Plan Xeral de Ordenación Municipal e o Plan Especial de Protección e Rehabilitación Integral do casco antigo, así como da Estratexia de Acondicionamento do Camiño de Santiago ao seu paso por Vilalba.
Tamén camiña da man das numerosas actuacións que se están realizando no espazo público da vila (reurbanizacións, peonalizacións, humanizacións e cambios de sentido das rúas).
As propostas veñen dos estudos técnicos realizados durante os últimos meses sobre distribución poboacional, centros xeradores de mobilidade, equipamentos municipais, distribución de aparcadoiros actuais, conteo de estacionamentos, vados, e os hábitos e horarios dos diferentes grupos poboacionais do concello, tanto residentes como visitantes, así como de análises estatísticas e tendenciais.
A veciñanza tivo tamén un papel esencial na elaboración deste plan, xa que o Concello de Villaba habilitou unha enquisa para que os veciños e veciñas compartisen a súa visión.
“Fixéronse 322 enquisas e numerosos traballos de campo; en Vilalba, o 60% dos desprazamentos son curtos pero o 62% son en coche, o 34% a pé e 2% en bicicleta”, explicou a tenente de alcaldesa, que adiantou que o concello quere “impulsar os desprazamentos a pé, que ata o de agora son básicamente por motivos de lecer”.
“Este é un cambio de modelo, unha forma de facer urbanismo con planificación e valoracións técnicas, queremos que Vilalba sexa unha vila amable e accesible para as persoas; temos por exemplo unha rúa da Pravia saturada, polo que o Plan propón derivar tráfico a outras zonas”, engadiu.
No marco do EME establécense estratexias a curto, medio e longo prazo, que deberán implantarse progresivamente e de xeito coordinado, tanto entre as propias accións como entre os distintos axentes implicados na súa posta en marcha.
A condición de cabeceira comarcal e centro de servizos dentro da Terra Chá, así como a súa potencialidade turística, foron elementos clave para o establecemento do modelo de mobilidade proposto.
“O 65% dos espazos de aparcadoiro están baleiros habitualmente, polo que o estacionamento concéntrase en poucas rúas e temos que cambiar esta dinámica”, apuntou pola súa parte o concelleiro de Infraestruturas. Respectaranse todas as prazas xa existentes para persoas con mobilidade reducida.
“Hai actuacións que fixemos ou están presentadas, na rúa das Pedreiras, o Calvario e a rúa da Pravia, que xa se axustan a este novo modelo de urbanismo e lle dan protagonismo ás persoas, poñendo por exemplo beirarrúas onde non había”, manifestou Fernández.
Por todo isto, o EME propón catro grandes liñas estratéxicas que vertebrarán o conxunto de acción propostas:
1.- Reordenación dos fluxos rodados: Simplificando no posible os fluxos redundantes e introducindo pequenas medidas para mellorar a fluidez nos ámbitos máis conxestionados, como a rúa da Pravia.
2. Reordenación de fluxos peonís: Mellorando a seguridade e garantindo a conexión peonil de calidade, con rutas seguras entre os grandes espazos de servizos e equipamentos e os ámbitos de residencia.
3. Estratexia de estacionamentos: Propoñendo novos ámbitos para o estacionamento así como a reconfiguración dos existentes, buscando aunar as necesidades dos residentes con niveles de rotación razoables para os visitantes e compradores non residentes.
4. Mellora da calidade ambiental e patrimonial: O documento recolle unha batería de medidas de mellora da calidade viaria, conformando un novo modelo de escena urbana, que incorpore arborado, permeabilidade de solos e continuidade nos percorridos.
Trátase en resumo dun estudo redactado en atención á realidade de Vilalba, o cal plantexa alternativas viables para a mellora da calidade de vida dos residentes e a súa potenciación como centro de referencia comarcal.