O Concello de Vilalba retoma este ano a celebración da Feira de Artesanía tras o parón obrigado por mor da pandemia do coronavirus.
“Retomamos por fin esta cita tan importante para dar a coñecer os traballos feitos a man; ademais, nesta edición haberá cambios para darlle o impulso que se merece, en colaboración coa asociación de artesáns do noso concello”, explica Antía Rama, concelleira de Feiras e Mercados de Vilalba.
A feira será o sábado 7 de maio de 11:00 a 21:00 horas e o domingo 8 de maio de 10:00 a 15:00 horas. “Teremos novidades para atraer aos visitantes e haberá todo tipo de artesáns e variedade de produtos, pero iremos dando máis información nas vindeiras semanas”, explica Rama.
Haberá casetas variadas, obradoiros, demostracións, actuacións e moitas sorpresas. “Desexamos ofrecer unha fin de semana diferente, unha cita máis que marcar no calendario para visitar a nosa vila”, engade a concelleira.
Para solicitar a reserva de espazo para montar unha caseta, deberase presentar ata o próximo 27 de abril toda a documentación solicitada nas bases xunto coa ficha adxunta polo rexistro do Concello de Vilalba, tanto presencialmente como pola sede electrónica (instancia xeral) na web www.vilalba.gal