O CONCELLO TEN LISTO UN PROXECTO DE RECUPERACIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO AO SEU PASO POLO POLÍGONO E O CASCO URBANO

O Concello de Vilalba ten listo un ambicioso proxecto de recuperación do Camiño de Santiago ao seu paso polo polígono industral Sete Pontes, as rúas da Pravia e do Castiñeiro, e o entorno da estrada N-634.

“Hoxe tivemos coñecemento pola prensa da reunión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos representantes do PP nos municipios de Lugo polos que pasa o Camiño do Norte para tentar de poñer en valor a ruta”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

“O concello xa ten elaborado un proxecto de recuperación do Camiño, á espera só da sinatura dun convenio de colaboración coa Xunta para levalo a cabo”, engade.

O proxecto do concello divide en catro tramos o paso do Camiño de Santiago por Vilalba e está ideado para aumentar a zona de paso peonil, sen interferir nos usos actuais da estrada que percorre o polígono industrial ou da acceso ao casco urbano.

A actuación, cun orzamento de 333.500 euros, permitirá impulsar o Camiño do Norte, polo que o grupo de goberno local levará este asunto ao pleno e espera o apoio de todos os grupos municipais e da Xunta de Galicia.