O CONCELLO LANZA A PROGRAMACIÓN CULTURAL ATA MAIO CON CONCERTOS, MAXIA, TEATRO, EXPOSICIÓNS E SESIÓNS DE CINE

O Concello de Vilalba presentou hoxe a súa programación cultural para os meses de marzo, abril e maio, con actividades para todas as idades, espectáculos de diferentes xéneros e un concerto solidario a favor do pobo ucraíno.

“No concello apostamos durante a pandemia pola cultura segura, mantendo diferentes eventos a pesares das limitacións para apoiar o sector; agora, podemos afortunadamente ir recuperando a normalidade e os aforos habituais cunha variada programación”, explica Vanesa Siso, concelleira de Cultura.

O primero acto previsto será a presentación do libro ‘Conversas arredor de Xorima’, de Paulo Naseiro, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos para o próximo día 19 de marzo ás 20:00 horas no auditorio. Incluirá unha breve actuación musical deste grupo de folk. O domingo 20 realizarase a actuación de María Balteira, dirixida a un público infantil.

Nas semanas seguintes, haberá espazo para a música, con actuacións como a de Mercedes Peón, Aba Taano e unha gala lírica con Borja Quiza e Daniel Muñoz; teatro, con ‘Cigarreiras’ ou ‘Dreaming Juliet’, danza coa proposta «Demente», e cine, coas proxeccións das longametraxes finalista nos Premios Mestre Mateo 2022, en colaboración coa Academia de Cine Galego, o IESCHA e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O 8 de abril, Vilalba acollerá o ‘Show internacional de maxia. Benvidos a Magicians’, da man de Arkadio & Solange, dous magos que forman unha sensacional parella artística e ofrecerán un espectáculo para todos os públicos.

O concerto solidario a favor do pobo ucraíno será o 29 de marzo ás 18:00 horas no auditorio municipal, coa colaboración de entidades e grupos locais. O prezo das entradas será de 5 euros e a recadación donarase a Cruz Vermella.

A programación inclúe tamén, o sábado 9 de abril, a presentación do libro ‘Retorno sen volta’, de Xosé Lastra, gañador do XLVII premio do certame literario do Concello de Vilalba.