O Concello de Vilalba continúa desta forma co seu proxecto de humanización do casco urbano
O Concello de Vilalba contará nuns días cun novo mural, neste caso realizado na Travesía dos Castros pola prestixiosa artista Lula Goce, unha das mellores do mundo na especialidade de arte urbano.
Lula Goce, natural de Baiona, ten murais en cidades como Nova Iorque, París Miami, Berlín, Bruselas, Valencia e Barcelona, así como en diferentes concellos galegos.
Coas súas obras, transforma as fachadas dos edificios en obras de arte, cun estilo figurativo no que moitas veces representa a mulleres, nenos ou nenas en ambientes imaxinarios, integrando sempre os seus traballos co lugar nos que os realiza.
Marta Rouco, tenente de alcaldesa, as concelleiras Antía Rama e Vanesa Siso, e o concelleiro Luis Fernández estiveron esta tarde coa artista no edificio no que realizará a súa obra.
O Concello de Vilalba, a través das súas concellerías de Infraestruturas e Cultura, continúa desta forma co seu proxecto de humanización do casco urbano.
Nos últimos meses inauguraronse outros murais na rúa Carmiña Prieto Rouco, obra do artista urbano Pablo Lage Sanjurjo (Van-Kraf), e na rúa Cotarón, de Miguel Peralta (colectivo Cestola na Cachola).
“Desde o comezo de mandato tivemos clara a prioridade de humanizar o casco urbano de Vilalba, a través de obras de rexeneración e tamén de actuacións deste tipo con murais artísticos”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.