É un punto importante, xa que na rúa das Pedreiras hai equipamentos como o auditorio, e a rúa da Ferrería ten abundante tráfico
O Concello de Vilalba acometerá a renovación e humanización da travesía da Ferrería, que comunica e fai de eixe entre a rúa das Pedreiras e a rúa da Ferrería.
É un punto importante no casco urbano de Vilalba, xa que na rúa das Pedreiras hai equipamentos como o auditorio municipal, e a rúa da Ferrería ten abundante tráfico pola cercanía do acceso á autovía A-8.
A actuación consistirá en transformar a actual calzada nun espazo de plataforma única cun ancho medio de paso de vehículos de 3,30 metros, continuando cunha dirección única na rúa.
Para mellorar a imaxe da rúa, proponse o uso de adoquín de xunta verde no chan apto para o tráfico lixeiro, e adoquín convencional nas zonas máis próximas ás vivendas, creando unhas plataformas de zona limpa para o acceso ás mesmas.
Ademais, aproveitando os quiebros da rúa proxectaranse nas zonas máis abertas espazos de descanso coa incorporación de zonas verdes, árbores e asentos. Á marxe das obras, executaranse na travesía da Ferrería novas instalacións de saneamento, alumeado, abastecemento, gas natural e telecomunicacións.
“Damos con esta actuación un paso máis no proceso de renovación e humanización de varias rúas e prazas do casco urbano, cun novo concepto de entender o urbanismo, cunha plataforma única e dándolle máis protagonismo aos peóns”, asegura o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.
“É de novo un proxecto feito baixo criterios de sustentablidade, calidade urbana, accesibilidade, seguranza e mellora ambiental, adoitando os últimos estándares europeos para os novos espazos urbanos”, engade.