A modificación do orzamento vixente foi pactada polo equipo de Goberno do PSOE e o grupo municipal de Vilalba Aberta co obxectivo de facer fronte aos gastos desta anualidade
O Concello de Vilalba informa da modificación do orzamento vixente a través da modalidade de suplemento de
crédito incorporando un total de 850.000 euros, destinados a incrementar partidas relativas a vías públicas, alumeado público, educación, festas, deportes, SGAE e servizos sociais.
No pleno extraordinario fíxose efectivo o acordo entre o equipo de Goberno do PSOE e o grupo municipal de Vilalba Aberta, cos votos favorables para cubrir gastos necesarios e urxentes que actualmente non contaban co crédito suficiente nin coa posibilidade de amplialo.
Esta modificación do crédito fará posible incrementar determinadas partidas co remanente líquido de tesourería, realizando unha estimación dos gastos que non poderán demorarse ata o exercicio seguinte.
En concreto, incrementaranse catro partidas relativas a vías públicas por un valor total de 214.500 euros e tres de alumeado público con 235.375 euros. Na área de educación, ampliarase o crédito en 27.500 euros, na de deportes, 187.000 euros, e na de servizos sociais, 41.250 euros. Tamén se financiarán os gastos das festas con 123.750 euros e 11.000 euros destinaranse ao pago posterior de facturas á SGAE.
Tanto o grupo de Goberno do PSOE como a formación Vilalba Aberta apoiaron a aprobación deste expediente de modificación de créditos para financiar gastos correntes, unha medida necesaria que repercutirá positivamente na xestión municipal en beneficio das vilalbesas e vilalbeses.