O CONCELLO ESTREA UN NOVO MURAL ARTÍSTICO CONTINUANDO CO PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DO CASCO URBANO

A obra, ubicada na Casa do Concello, é do artista lucense Pablo Lage Sanjurjo

O Concello de Vilalba vén de inaugurar un novo mural artístico, neste caso nunha das fachadas da casa do Concello, na rúa Carmiña Prieto Rouco. Esta iniciativa, que se suma a outros murais estreados no municipio, busca humanizar e embelecer o casco urbano de Vilalba.

Este mural é obra do artista urbano Pablo Lage Sanjurjo (Van-Kraf), que conta con máis de 20 anos de traxectoria na pintura con spray e nesta cultura artística. Este artista naceu en Lugo, onde continúa residindo malia que ten unha estreita relación coa súa vila materna, Vilalba.

O mural que vén de pintar na Casa do Concello ten 12 muros de alto. Nesta obra o artista traballa nun novo concepto, no que mestura deseño gráfico, ilustración influenciada por tatuaxes “old school” e vistosas vidreiras, que antigamente lucían en grandes edificios.

A súa intención é crear un efecto de luz e cor que, xunto a unha temática de libre interpretación, permitan recrear a mesma situación que antigamente sucedía cando alguén observaba por primeira vez unha impoñente vidreira nunha catedral, evidentemente sen ningunha connotación relixiosa neste caso.

“Dende o Concello de Vilalba xa impulsamos varios murais no municipio, como o da rúa Cotarón ou o da praia fluvial, cos que humanizamos e facemos máis agradable a nosa contorna”, subliña Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.