A licitación foi impulsada de común acordo entre o grupo municipal socialista e Vilalba Aberta
O Concello de Vilalba sacou a licitación por máis de 164.000 euros as obras de renovación e rexeneración de máis dunha ducia de vías de titularidade municipal nas parroquias de Goiriz, Sancovade, Santaballa, Lanzós, Corvelle, Román e Tardad.
En concreto, os traballos serán no acceso a Corvite (Vilalba); ao núcleo de Pumariño (Goiriz); a pista Os Muíños (Sancovade); o acceso a Vesura e As Veigas (Santaballa); os accesos a Vilate e Fontevella (Lanzós); o acceso a Broz (Goiriz); o acceso ás Chousas (Corvelle); os accesos a Igrexa, O Valiño, A Revolta e A Carboeira (Román), e o acceso a Os Tineos (Tardad).
A licitación, impulsada de común acordo entre o grupo municipal socialista e Vilalba Aberta, servirá para mellorar as comunicacións e a seguridade viaria no rural do concello, dando resposta ademáis ás demandas veciñais.
Levaranse a cabo labores de apertura e limpeza de noiros, regularización e bacheo da vía con tratamento bituminoso semiprofundo e renovación da capa de rodadura mediante doble tratamento en toda a súa superficie.
“Son tarefas necesarias que forman parte do plan posto en marcha polo noso grupo de goberno para a renovación continua da rede municipal de viais e camiños”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas.