Ao longo do mes de novembro haberá teatro, filme e narración oral no Auditorio Municipal, un obradoiro sobre sexualidades na Biblioteca Municipal, unha charla no IES Santiago Basanta Silva, a presentación dun libro na Casa da Cultura, unha exposición na rúa e unha campaña nas redes sociais
O Concello de Vilalba anuncia unha programación de actividades ao redor da igualdade de xénero para o mes de novembro. Serán distintos escenarios os que acollan un total de 9 accións para concienciar sobre a necesidade de mudar as desigualdades entre homes e mulleres e acabar coas distintas violencias que se exercen sobre estas.
O programa de actividades pretende poñer no centro a importancia de camiñar cara unha sociedade feminista desde o teatro, o audiovisual, a comicidade, a literatura ou a narración oral. “Algunhas das campañas que se inclúen no programa iranse presentando polo miúdo ao longo do mes”, afirmou a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso, en referencia á exposición na rúa e á campaña que desvelarán o día 25. “Consideramos moi necesaria a implicación de toda a sociedade no rexeitamento absoluto á violencia machista en todas as súas formas, polo que lanzamos distintas propostas destinadas a todos os públicos para reflexionar sobre as estruturas que rexen a nosa sociedade e urxir a mudalas cun pacto global no que se comprometan todos os sectores da nosa vila”.
“A poeta analfabeta”, un documental sobre a poeta feminista Luz Fandiño iniciará este sábado 6 de novembro ás 20 horas no Auditorio Municipal a lista de citas deste mes, un filme dirixido por Sonia Méndez para dar voz a unha muller que foi testemuña das realidades máis duras do século XX.
O domingo 7 de novembro, presentarase no mesmo espazo ás 19 horas Feminissimas, “unha creación colectiva coa amizade como fondo e o feminismo como forma”, desta xeira abordando desde o humor as distintas formas de entender a loita pola igualdade.
O venres 12 de novembro ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal presentará “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, unha comedia unipersonal que nos convida a reflexionar sobre as normas que facemos propias sen pensar en canto á sexualidade, á parella, aos soños e frustracións ou aos desexos e fantasías. Unha creación artística que loita por facer visible aquilo que nos atravesa.
O sábado 13 de novembro inaugurarase na Praza da Constitución a mostra na rúa nomeada “Falamos? Por unha sociedade libre de violencias machistas”, unha proposta novidosa en canto ao seu contido, nesta ocasión dirixida á mocidade, tanto ás rapazas como aos rapaces.
Seguindo con esta franxa de idade, o venres 19 de novembro Nuria Prieto presentará no Ies Santiago Basanta Silva o libro “Calladita no eres más bonita” da Editorial Meraki, que recolle as historias en primeira persoa de mulleres novas que viviron situacións de violencia machista. Unha desas mulleres acompañará á autora e dará unha charla ao alumnado do centro.
A poeta vilalbesa Luz Airado fará a presentación do seu libro “Instintos”, da editorial Medulia, con ilustracións de Viky Rivadulla, na Casa da Cultura o venres 19 de novembro ás 19 horas. Unha obra con marcado carácter feminista que afonda sobre distintos aspectos que afectan ás mulleres desde que nacen cunha mirada comunitaria e colectiva.
O sábado 20 de novembro chegará “Tabú” ao Auditorio ás 20 horas, o novo espectáculo de Carmen Conde que nace das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, O Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Un show de narración oral que pode explicar o que somos agora nós: as fillas do tabú.
As obras que se realizan no Auditorio terán un custe de 3 euros e deberanse retirar as entradas na web entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura.
O propio 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Vilalba sacará unha campaña polas redes sociais na que participan distintas persoas de sectores do municipio.
Para finalizar, “Eu, mi, me, comigo: sexualidade(s) con agarimo” será o obradoiro impartido pola educadora social e psicoterapeuta Noelia Darriba nunha colaboración entre a Biblioteca Municipal e a Asociación Feminista de Vilalba. Terá lugar ás 19:30 horas do 26 de novembro e será necesario inscribirse na propia biblioteca, no whatsapp 626 39 93 29 ou chamando ao 982 51 22 32.