O CONCELLO DE VILALBA ANUNCIA A CONVOCATORIA DUNHA PRAZA DE AXENTE DE IGUALDADE

Reforzar os seus servizos en materia de Igualdade é unha prioridade para o grupo de goberno

O Concello de Vilalba informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de hoxe, 28 de setembro, das bases para a selección dunha praza de axente de igualdade no municipio. 

Esta é a primeira praza deste tipo ofertada no Concello de Vilalba, que reforza así os seus servizos en materia de igualdade, unha prioridade para o grupo de goberno.

Trátase dun contrato que será temporal, por un período de seis meses a media xornada. As funcións a desenvolver terán como finalidade dinamizar e desenvolver políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero. 

A persoa designada dará apoio ao Centro de Información á Muller (CIM), mellorando a atención ofrecida neste servizo en Vilalba. Para esta praza, o sistema selectivo elixido é o de concurso-oposición libre. 

As solicitudes presentaranse no prazo de cinco días naturais a partir do día seguinte á publicación destas bases. Polo tanto, as persoas aspirantes poderán solicitar estas prazas ata o 4 de outubro de 2021 no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba, en días laborais e en horario de oficina, ou ben en calquera dos lugares previstos a tal efecto. 

As bases completas poden consultarse no BOP de hoxe: http://www.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/28-09-2021.pdf#page=22