O goberno local lanzará esta proposta con motivo da celebración da “Semana Europea de la Movilidad” (SEM 2021), que se celebra do 16 ao 22 de setembro
O Concello de Vilaba informa á cidadanía que proporá no próximo pleno a adhesión do municipio á asociación “Red de Ciudades que Caminan”. O goberno local lanzará esta proposta con motivo da celebración da “Semana Europea de la Movilidad” (SEM 2021), que se celebra do 16 ao 22 de setembro e que busca sensibilizar sobre as consecuencias negativas do uso irracional do coche na cidade e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles.
A propósito desta campaña, o Concello de Vilalba busca incluírse na asociación “Red de Ciudades que Caminan”, unha entidade internacional sen ánimo de lucro, na que se integran concellos e outras administracións públicas comprometidas con camiñar. Entre as cidades que xa se adheriron a esta iniciativa inclúense Pontevedra, Oleiros, Carballo, O Carballiño, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Bilbao, Valencia e Ferrol.
O obxectivo da asociación é dar un maior protagonismo aos peóns na mobilidade urbana e no espazo público. Integrar a rede implica comprometerse coa mellora do espazo público como lugar para camiñar, estar e socializar, á vez que se fomenta camiñar, a mobilidade sostible, a accesibilidade universal, a seguridade vial, a calidade do medio ambiente urbano e a autonomía infantil.
A isto súmase a preocupación do grupo de goberno pola accesibilidade tanto das persoas maiores como das persoas con mobilidade reducida. Neste senso, o goberno local traballa asiduamente para eliminar posibles barreiras que dificulten o seu día a día.
O Concello de Vilalba considera estes obxectivos como prioridades de goberno e intégraos en diferentes iniciativas no municipio. Neste senso, o Concello de Vilalba traballa actualmente no seu Plan de Mobilidade Urbana, centrado en aumentar a sostibilidade nos desprazamentos a diario, mellorar a eficiencia dos desprazamentos no concello e facilitar hábitos de mobilidade máis saudables, máis respectuosos co medio ambiente e que axuden a aforrar recursos.
“A mobilidade sostible debe marcar a nosa estratexia no futuro, polo que Vilalba debe integrarse nesta rede e mostrar a nosa aposta polo Medio Ambiente”, asegura Luís Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.