ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN AOS CURSOS DE NATACIÓN PARA ADULTOS E INFANCIA

O prazo de inscrición está aberto dende o 13 ata o 19 de setembro

***ACLARACIÓN:

Deberase enviar a documentación do 13 ao 19 de setembro ao mail da piscina usuariospiscinavilalba@clece.es

Unha vez realizado o sorteo informático e adxudicada a praza, deberán aportar o resto de documentación: DNI, certificado de conta e, no caso de ser menor de idade, fotocopia do DNI dun dos pai/nai/titor que sexan titulares da conta. En caso de que o/a menor non teña DNI, deberase adxuntar unha fotografía.


O Concello de Vilalba anuncia a oferta de cursos de natación 2021-2022 na piscina municipal. O prazo de inscrición a estes cursos está aberto dende o 13 ata o 19 de setembro e as clases darán comezo o vindeiro 1 de outubro.

En total, ofértanse 130 prazas para nenos e nenas a partir dos 4 anos en horario de tarde. Nestes cursos dirixidos á infancia, os participantes dividiranse en niveis de familiarización, para nenos que só asistiron un ano ou é a súa primeira vez; iniciación, para aqueles que xa asistiron dous anos consecutivos á piscina; e medio, para quen xa nada a diferentes estilos.

No caso dos adultos, ofértanse 42 prazas en nivel de iniciación en quendas de mañá e de tarde. En tódolos casos os grupos non superarán as 6 prazas. Os prezos son de 75€ por trimestre no caso de 2 sesións semanais para os adultos, 60€ por trimestre para 2 clases á semana no caso dos nenos e 30€ por trimestre para 1 clase semanal para os menores.

As prazas adxudicaranse por sorteo informático, que se realizará o 20 de setembro na propia piscina. O día 27 de setembro exporase no taboleiro da piscina e do Concello de Vilalba a lista de admitidos, que deberán formalizar a súa matrícula.

Dende o Concello de Vilalba búscase incrementar a oferta deportiva do municipio, con actividades como esta que abarcan diferentes grupos de idade. Asemade, recórdase que os participantes deberán cumprir a normativa da piscina, así como os protocolos sanitarios pertinentes.

Para realizar as inscricións é posible acudir á Piscina Municipal ou no teléfono 982512530 ou pedir máis información no enderezo electrónico usuariospiscinavilalba@clece.es