O CONCELLO DE VILALBA XA XESTIONA O COMEDOR DA ESCOLA INFANTIL

O comedor da Escola de Educación Infantil de Vilalba entra hoxe en funcionamento. O concello asume a xestión do mesmo e cumpre coa súa promesa de que o servizo estivese operativo este mesmo curso.

O Concello de Vilalba anunciou en 2020 a súa decisión de asumir a xestión do comedor, pero ata o de agora non puido facerse efectiva polo proceso administrativo, xa que estaba pendente a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia.

“Trátase da asunción dunha competencia que non é do concello, porque en materia de educación é exclusiva do goberno autonómico, pero impulsamos o servizo para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral”, explica Marta Rouco, concelleira de Servizos Sociais de Vilalba.

O goberno municipal encargou a unha dietista a elaboración dunha proposta de menú para nenos e nenas de tres a seis anos. O incremento da demanda de prazas para o próximo curso escolar reflicte a importancia do novo servizo para as familias.

A Xunta de Galicia financiará 2,50 euros de cada menú, correspondéndolle o resto ao concello. Os prezos variarán entre a gratuídade e os 4,50 euros, en función da renda familiar.

A proposta de acordo para o establecemento do prezo público recolle exactamente as mesmas escalas de renda e prezos que aplica a Xunta en todos os comedores escolares que xestiona, de xeito que os usuarios do comedor da Escola de Educación Infantil pagarán o mesmo prezo que nos comedores de calquera outro centro escolar.

“Estamos moi satisfeitos, asumimos unha competencia impropia pero era un compromiso do grupo de goberno municipal; o único que lamentamos é a demora na posta en marcha do comedor, pero non era posible mentres a Xunta de Galicia non tivera listo o convenio de colaboración”, engade Marta Rouco.