OBRAS DE RENOVACIÓN DO ALUMEADO EN SEIS RÚAS DO CASCO URBANO

O Concello de Vilalba informa da licitación das obras para o proxecto de eficiencia enerxética e renovación do alumeado público con tecnoloxía LED en seis rúas do casco urbano.

En concreto, as obras serán nas rúas Campo de Puente, Muras, Foz, nos arredores da estación de autobuses, Campo Redondo, Corvite, unha parte da travesía Terra Chá e a rotonda do polígono.

Os traballos suporán a renovación de 203 puntos de luz e, grazas á tecnoloxía LED, o aforro enerxético será do 80%, rebaixando ademais de forma considerable a contaminación lumínica e as emisións de CO2.

A actuación, cun periodo de execución de dous meses, inclúe a o cambio dos cadros, dos soportes e das columnas deterioradas. Realizaranse canalizacións nos tramos nos que sexa necesario e haberá tarefas de limpeza das arquetas existentes.

Para este proxecto de eficiencia enerxética, o concello recibiu unha subvención do Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica (o orzamento total dos traballos é de 175.000 euros).

“Un paso máis na renovación do alumeado municipal, tanto no centro como nas parroquias, apostando pola tecnoloxía LED para cumprir todas as recomendacións da UE e dar un mellor servizo aos veciños”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

O concello facilita coa tecnoloxía LED a transición a unha enerxía baixa en emisións de CO2, no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible da Unión Europea.