A alcaldesa, Marta Rouco, animou a “a todos os vilalbeses e veciños da contorna a que participen nesta cita na que o obxectivo non será só acadar a meta senón xuntarnos para gozar do Nadal na nosa vila”
O Concello vén de abrir o prazo de inscrición para participar na IX San Silvestre Vilalbesa que se celebrará o vindeiro domingo, 29 de decembro, a partir das 16:30 coa saída e a chegada localizada na Praza da Constitución.
Os interesados e interesadas en participar na xa consolidada proba de Nadal poderán inscribirse ata o luns, 23 de decembro, a través da páxina web https://bit.ly/sansilvestrevilalbesa. “Animamos a todos os vilalbeses e vilalbesas, así como aos veciños e veciñas dos concellos da contorna, a que participen nesta cita na que o obxectivo non será só acadar a meta senón xuntarnos para gozar do Nadal na nosa vila”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.
Pola súa banda, a directora da área de deportes, Paula Vigo, explicou que “a inscrición é totalmente gratuíta e haberá once categorías diferentes en función da idade e a distancia a recorrer, ademais de agasallos e medalla para todos os participantes que rematen a proba”.
Nesa liña, as categorías participativas serán: mini, para nados entre 2021 e 2019, cunha distancia de 150 metros; pitufos e pitufas, para nados entre 2018 e 2017, cunha distancia de 300 metros; sub 10, para nados entre 2016 e 2014, cunha distancia de 900 metros; sub 13, para nados entre 2013 e 2011, cunha distancia de 1.800 metros; e andaina, sen límite de idade, cunha distancia de 2.000 metros.
Pola súa banda, a categoría absoluta, de carácter competitivo con cronometraxe, chip e listados de resultados, terá unha lonxitude de 5.120 metros e dividirase en: junior feminina e junior masculina, para nados entre o 2010 e o 2007; absoluta femenina e absoluta masculina, para nados no 2006 e anteriores; e veteranos femenina e veteranos masculina, para nados no 1989 e anteriores.
En canto aos horarios, as carreiras de menores, de carácter participativo, arrancarán en tramos de 10 minutos dende as 16:30 horas. Mentres que todas as categorías da carreira absoluta e a andaina darán comezo ás 17:30.
Antes da proba será imprescindíbel recoller os dorsais, podendo facelo na Casa da Cultura o xoves 26 de decembro de 17:30 a 20:00, o venres 27 de decembro de 11:00 a 13:00 e de 17:30 a 20:00, o sábado 28 de decembro de 11:00 a 13:00 ou na Praza da Constitución o domingo, 29 de decembro, de 15:30 a 16:30.
A alcaldesa, Marta Rouco, fixo fincapé en que “se trata dun evento deportivo con carácter festivo para despedir o ano na vila, polo que animo a todos e todas a que participen disfrazados ou caracterizados con motivo do Nadal”. Ademais, a rexedora lembrou que “na andaina ao non haber límite de idade poden participar dende recen nados no seu carro e a súa familia, ata os máis maiores e mesmo as nosas mascotas”.